Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa presenta por primeira vez a súa oferta de ocio na maior feira de turismo do mundo, Fitur, que se celebra en Madrid dende este xoves e ata o domingo. Grazas a colaboración da Deputación de A Coruña, a concellería de Turismo de Arzúa contará cun espazo no que o visitante poderá acceder a diverso material audiovisual e dixital no que se recollen as paisaxes, rutas de sendeirismo, instalacións deportivas e unha guía de ocio da vila con todos os establecementos de hostalería e restauración.

Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, a presencia nesta feira “supón unha aposta decidida para levar directamente aos mercados turísticos internacionais un evento tan importante para Arzúa como é a Festa do Queixo que terá lugar do 4 o 6 de marzo”.
A través dun Qr terase acceso a nova web de turismo de Arzúa na que se amosan unha gran cantidade de fotografías, acompañadas de textos explicativos que poden ser seleccionados en galego, castelán ou inglés. Con esta ferramenta búscase acceder ao público, tanto de orixe nacional coma internacional, que tradicionalmente cruza o territorio do concello peregrinando a Compostela por algún dos camiños de Santiago.
Outra das novidades que presenta a web é a presenza de mapas interactivos que mostrarán os principais activos turísticos do concello dunha maneira atractiva e cunha experiencia de usuario orientada a conseguir que os potenciais turistas lle dediquen tempo a explorar e descubrir todo o que se lles ofrece.
Para fomentar a comercialización de Arzúa como destino, a concelleira de turismo Begoña Balado xestionou, tanto coa Deputación da Coruña como Federación de Municipios de España, a presencia dos atractivos turísticos de Arzúa nas promocións que realicen. Esta acción resulta de especial interese para tomar contacto con destacados touroperadores nacionais e internacionais e supón unha posibilidade destacada para dar a coñecer a oferta da hostelería e restauración da vila a empresas maioristas de comercialización de paquetes turísticos.
Comments