É a primeira das feiras nas que se promocionará o turismo da vila
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa presenta no Salón de Turismo de Galicia, TUREXPO, toda a súa potencialidade de ocio na natureza e do seu patrimonio cultural e monumental vencellado ao Camiño de Santiago. No stand que instalou no recinto feiral de Silleda, a Concellería de Turismo de Arzúa, o visitante poderá acceder a diverso material audiovisual e dixital no que se recollen as paisaxes, rutas de sendeirismo, instalacións deportivas e guía de ocio da vila con todos os establecementos de hostalería e restauración. Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, a presencia nesta feira “supón o punto de arranque dunha ambiciosa campaña de promoción da vila que nos levará participar en salóns profesionais nacionais e internacionais”.
A través dun Qr terase acceso a nova web de turismo de Arzúa na que se amosan dunha gran cantidade de fotografías, acompañadas de textos explicativos que poden ser seleccionados en galego, castelán ou inglés. Con esta ferramenta búscase acceder ao público, tanto de orixe nacional coma internacional, que tradicionalmente cruza o territorio do concello peregrinando a Compostela por algún dos camiños de Santiago.
Outra das novidades que presenta a web é a presenza de mapas interactivos que mostrarán os principais activos turísticos do concello dunha maneira atractiva e cunha experiencia de usuario orientada a conseguir que os potenciais turistas lle dediquen tempo a explorar e descubrir todo o que se lles ofrece.
Para fomentar a comercialización de Arzúa como destino, a concelleira de Turismo Begoña Balado, xestionou a presencia dos operadores de restauración e hostalaría da vila na Bolsa de Contratación turística que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de setembro. Este encontro resulta de especial interese para os establecementos porque poderán tomar contacto con destacados touroperadores nacionais e internacionais e supón unha posibilidade destacada para dar a coñecer a oferta do teu establecemento a empresas maioristas de comercialización de paquetes turísticos.
Comments