top of page

Arzúa lanza o obradoiro infantil «Mulleres que fan historia» durante as vacacións de Semana Santa

Está aberto o prazo de inscrición ata o día 27


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa abre o prazo de inscrición para o Obradoiro de Vacacións de Semana Santa «Mulleres que fan historia», unha iniciativa gratuíta dirixida a nenos e nenas nados entre 2013 e 2021, que busca dar a coñecer referentes femininos fundamentais da historia.

O obradoiro desenvolverase no Multiusos Terra do Queixo entre o 14 e o 21 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas, con opción de entrada desde as 9:00 horas e saída ata as 15:00 h. O Concello ofrece 25 prazas para participantes que cumpran os requisitos de admisión. O obradoiro non se desenvolverá nos festivos nin nas fins de semana.


Unha proposta educativa e de conciliación para as familias

A concelleira de Igualdade, Lucía López, destacou a importancia deste proxecto: "Queremos que as nenas e nenos coñezan o papel fundamental das mulleres na historia, rompendo estereotipos e visibilizando referentes femininos que foron silenciados. A educación en igualdade desde a infancia é a base para construír unha sociedade máis consciente e comprometida coa xustiza social".


Ademais, subliñou o papel do Concello na promoción de políticas públicas que faciliten a conciliación: "Sabemos que as vacacións escolares poden ser un período complicado para moitas familias, polo que desde o Concello traballamos para ofrecer recursos que lles permitan organizarse mellor sen que isto supoña un obstáculo para o coidado dos seus fillos e fillas. A conciliación é unha prioridade e seguirémola impulsando con iniciativas coma esta".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As inscricións serán ata o 27 de marzo

As familias interesadas poden inscribir aos seus fillos e fillas ata o 27 de marzo a través da Sede Electrónica do Concello de Arzúa ou no Rexistro Municipal. Para máis información, poden contactar co Centro de Información ás Mulleres no 981 501 101 | 698 119 762 ou no correo cim@concellodearzua.com


"Animamos a todas as familias a participar nesta actividade, que combina aprendizaxe, diversión e educa na diversidade, a inclusión e a construción dunha sociedade máis igualitaria e xusta", concluíu a concelleira.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page