Arzúa impulsa unha nova edición do curso de lingua e cultura galegas no marco do programa AcolleGalego
- Laura Moure

- 24 feb
- 3 min de lectura
O curso é gratuíto e o prazo de inscrición permanecerá aberto do 23 ao 27 de febreiro
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa organizará unha nova edición do Curso de lingua e cultura galegas – Nivel iniciación ampliada, integrado no programa municipal AcolleGalego, unha iniciativa destinada a favorecer o acollemento lingüístico e a integración social a través da aprendizaxe da lingua propia de Galiza.
Esta acción formativa dá continuidade ao curso de introdución impartido no último trimestre de 2025 en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, consolidando así unha liña de traballo estable orientada a facilitar o acceso ao galego ás persoas recentemente chegadas ao municipio ou procedentes doutras comunidades lingüísticas.

Arzúa conta cunha poboación de 5.887 habitantes (INE 2024) e presenta un fluxo migratorio recente significativo, principalmente de persoas procedentes doutras comunidades autónomas e de países de América do Sur. Esta realidade motivou a posta en marcha do programa AcolleGalego, co obxectivo de ofrecer ferramentas que favorezan a integración social, o acceso aos servizos públicos e a participación activa na vida comunitaria.
O curso terá unha duración total de 40 horas, distribuídas en dúas sesións semanais de dúas horas cada unha, en horario de tarde, e desenvolverase na Aula CeMIT municipal. Ofertaranse un máximo de 20 prazas.
A actividade está dirixida a persoas maiores de 16 anos. Terán preferencia aquelas que xa realizaran o curso de introdución en 2025, así como persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas interesadas en aprender galego.
A través dunha metodoloxía práctica e comunicativa, o alumnado traballará as competencias básicas de comprensión e expresión oral e escrita, así como contidos vinculados á cultura galega, co obxectivo de avanzar na súa autonomía lingüística e reforzar a súa participación na comunidade local.
Publicidade
O curso é gratuíto e o prazo de inscrición permanecerá aberto do 23 ao 27 de febreiro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude:
A través do correo electrónico:
Por teléfono: 981 500 000 (ext. 171)
Presencialmente na Casa do Concello
A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, explicou que “esta convocatoria responde directamente á demanda xurdida no curso de iniciación do programa AcolleGalego. As persoas participantes manifestaron a súa vontade de seguir perfeccionando as súas competencias na nosa lingua propia, o galego, e desde o Concello entendemos que era necesario dar continuidade a ese proceso formativo”.
“A boa acollida da primeira edición confirmou que cando se crean espazos accesibles e próximos, o interese por aprender galego é real. Por iso damos un paso máis, ofrecendo este novo curso que permitirá mellorar a autonomía lingüística das persoas que chegan ao noso municipio”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“Galiza ten unha lingua propia, unha realidade que en moitos casos é descoñecida para quen chega. Se queremos integrar de verdade, cómpre ofrecer ferramentas para aprender galego e incorporalo ao uso cotián. É un dereito e tamén unha responsabilidade compartida, xa que só deste xeito poderán participar plenamente da nosa cultura e da vida do país que as acolle.”
“AcolleGalego é unha iniciativa de cohesión social. A través da lingua facilitamos a participación plena na vida cultural, social e institucional de Arzúa. O galego é lingua de acollemento, porque nos une e nos fai sentir parte dun mesmo pobo”. Con esta iniciativa, o Concello de Arzúa reafirma o seu compromiso coa promoción do galego e co desenvolvemento de políticas públicas que favorezan a cohesión social e o acollemento lingüístico.







Comentarios