Arzúa impulsa un proxecto didáctico sobre a arqueoloxía
Esta actividade inicia a programación cultural de maio incluída en Primavera de Cultura e está dirixida ao público escolar
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para esta primeira semana de maio a actividade Arqueocampo. A verdade está no fondo incluída na programación de Primavera de Cultura. Trátase dunha actividade de divulgación cientíca dirixida ao público escolar que permite aos participantes converterse en arqueólogos por unhas horas a través dunha simulación do traballo que desenvolve o Instituto de Ciencias do Patrimonio.

Esta acción permite vivenciar todas as fases da cadea de traballo arqueolóxico, permitindo realizar unha investigación a través de actividades prácticas e dinámicas e seguindo unha metodoloxía arqueolóxica. O traballo de escavación, a manipulación de materiais e a experimentación de procesos científicos son as bases nas que se sustenta o Arqueocampo.
Desde este luns, o Multiusos Terra do Queixo acolle en horario lectivo un total de 20 grupos durante toda a semana. Nesta iniciativa participa o alumnado de 4º de Primaria a 2º da ESO do CEIP de Arzúa, IES de Arzúa e Colexio Nsa. Sra. do Rosario. A actividade conta coa guía de monitores e arqueólogos expertos e empréganse as ferramentas e os procedementos propios dunha escavación real (paletíns, cubos, vasoiras, etc.). Seguindo a metodoloxía arqueolóxica rexístranse as estruturas, fotográfanse pezas e mostras, reecóllense e clasifícanse en bolsas co seu correspondente código, etc.
A Concelleira de Cultura e Educación do Concello de Arzúa, Aurora Varela, confía no “éxito dunha actividade que achega a ciencia e a arqueoloxía ás novas xeracións noutra iniciativa máis do Concello en colaboración cos centros educativos da vila”.