top of page
Perruquería Marisa.gif

Arzúa impulsa un programa de formación e aprendizaxe para os veciños maiores de 50 anos

É totalmente gratuíto, será impartido por docentes universitarios, non se precisa ningunha titulación e as persoas interesadas poden inscribirse ata o 13 de abril


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa, a través da área de Cultura e Educación que dirixe Aurora Varela, e en colaboración coa Universidade de Santiago vai impulsar unha nova iniciativa de participación a través do programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, dirixido a todos os veciños e veciñas de Arzúa maiores de 50 anos. O proxecto preséntase baixo o título de Camiños de Coñecemento e Experiencia. Trátase dun espazo de encontro e formación entre a universidade e o Concello, mediante o cal as persoas maiores de 50 anos que desexen participar desfrutarán da aprendizaxe en distintas áreas de coñecemento, como son o ámbito artístico co cinema, a historia da cultura de Galicia e a área medioambiental.

A formación desenvolverase en sesións de noventa minutos na Capela da Madanela en

horario de tarde, de 16:30 a 18:00 horas. Impartiranse sesións expositivas e prácticas que se concretan en visitas ao parque eólico de Couto de San Sebastián en Silleda e a Padrón para coñecer a Igrexa de Santiago, Fonte do Carme e Santiaguiño do Monte. As datas nas que este proxecto se desenvolverá en Arzúa serán do 25 ao 29 de abril e tamén o 2 de maio.

Ademais das citadas visitas, a Madanela acollerá seminarios sobre as enerxías renovables, o cine do cotiá e as orixes do culto xacobeo. Aurora Varela anima a todos os veciños e veciñas de Arzúa con máis de 50 anos a participar neste novo programa que é de carácter totalmente gratuíto, que será impartido por docentes universitarios e para o que non se precisa ningunha titulación. As persoas interesadas poden inscribirse no Departamento de Cultura ata o 13 de abril.

99 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page