O prazo está aberto ata o 20 de marzo
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da súa Área de Igualdade, vén de anunciar a convocatoria do certame de ilustración "Trazos pola Igualdade", unha iniciativa que busca promover a reflexión e a creatividade arredor da igualdade de xénero e o papel das mulleres na sociedade. O certame, que se enmarca dentro das actividades do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, está dirixido a crianzas e mocidade con residencia, estudos ou traballo en Arzúa.

A concelleira de Igualdade, Lucía López, destaca a importancia da arte como disciplina capaz de crear conciencia: "A arte é unha poderosa ferramenta de transformación social. Con 'Trazos pola Igualdade' queremos dar voz á mocidade para que, a través da ilustración, expresen a súa visión sobre a loita contra as desigualdades de xénero. Se queremos acadar a igualdade, temos a obriga de escoitar e entender como afecta a actual sociedade machista á mocidade e á xuventude".
O certame estrutúrase en catro categorías segundo as idades das persoas participantes, permitindo así unha ampla participación que abrangue desde as persoas nadas no 2000 ata o 2018. As obras deberán abordar temáticas vinculadas co feminismo, o empoderamento feminino e a visibilización das mulleres na sociedade. Poderán presentarse tanto de forma presencial na Casa das Mulleres como en liña a través dun formulario habilitado na web municipal.
López salienta que este tipo de iniciativas son fundamentais para seguir avanzando en dereitos: "Nun momento no que asistimos a cuestionamentos constantes aos avances feministas, desde o Concello de Arzúa cremos que é imprescindible e urxente desenvolver campañas que nos axuden a comprender e profundar nas desigualdades que aínda padecemos a metade da poboación. Este certame non é só unha actividade cultural, senón unha aposta decidida por unha sociedade máis xusta, onde as mulleres non teñamos que seguir loitando polos dereitos que nos corresponden".
Os traballos poderán presentarse desde o día 1 ata o 20 de marzo. As obras premiadas recibirán bonos económicos para ser canxeados en establecementos adheridos ás campañas de igualdade do Concello.
A concelleira fai un chamamento á participación: "Animamos á mocidade a que se sume a esta iniciativa, que non só recoñece o talento artístico, senón que tamén contribúe a xerar conciencia sobre as desigualdades que persisten e a necesidade de combatelas desde todos os ámbitos".
O fallo do xurado, composto por persoas expertas en arte e igualdade, será publicado na web e redes sociais do Concello de Arzúa. Con esta iniciativa, Arzúa reafirma o seu compromiso cunha política feminista activa, transversal e participativa. Para inscribirse no certame: https://bit.ly/3DcZs6I
Comments