Arzúa, embaixadora do queixo galego no Forum Gastronómico de Barcelona
Estarán presentes as queixerías arzuás Barral, Galmesán e Verbas e Diego Mato, cociñeiro do restaurante Casa Nené desta localidade
Laura Moure/Arzúa
A calidade do queixo de Arzúa será un dos grandes atractivos da presente edición do certame internacional Forum Gastronómico que se celebrará en Barcelona do 7 ao 9 de novembro. Nesta primeira edición normalizada logo da pandemia, o Concello de Arzúa, a travésda Concellería de Turismo, volve facilitar a participación, das tres queixerías
máis importantes da vila: Barral, Galmesán e Verbas. Tamén se vai a desprazar ata o recinto feiral de Monjuic, Diego Mato, cociñeiro do restaurante arzuán Casa Nené, para dar forma ás propostas gastronómicas que terán sempre como base os tipos de queixo que son elaborados na vila.

Este salón é todo un referente entre os profesionais da gastronomía polo seu carácter innovador e pioneiro. Os miles de visitantes de cada edición avalan o encontro como o máis importante e prestixioso do circuíto mundial. Máis de 25.000 visitantes e 232 expositores fan del un punto de encontro ideal para promocionar o potencial gastronómico do queixo e a gastronomía de Arzúa en xeral.
Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, a participación no Forum Gastronómico ten un triplo obxectivo, “dar coñecer a calidade e variedade do traballo das queixerías arzuás de cara a mellorar o seu posicionamento nos mercados de referencia. Consolidar Arzúa como un destino turístico gastronómico con proxección en todo o Estado e desestacionalizar a oferta turística de Arzúa, abrindo o seu potencial de ocio a novos segmentos de poboación”.
Durante os días de celebración do evento na capital catalá, as queixerías de referencia de Arzúa realizarán, grazas á colaboración da Deputación da Coruña, que lles cede un espazo no posto que o organismo provincial ten no citado certame, diversos obradoiros e demostracións arredor do potencial que ten o mundo do queixo na gastronomía.