Achegáronse preto de 300 participantes tanto de Arzúa como doutros concellos
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organizou para esta pasada fin de semana a actividade central da programación do seu Entroido. Onte domingo, Arzúa celebrou por todo o alto o Concurso de Disfraces que fixo á xente desfrutar dun certame moi concurrido tanto de concursantescomo de público. O Concello de Arzúa repartiu máis de dous mil euros entre osgañadores do concurso, distribuidos en 11 premios.

Na modalidade de comparsas resultaron gañadores “Os de sempre”, que chegados desde Porto do Son levaron o primeiro premio de 550 euros, “Oroso viaxa no tempo” e “Tren-in-topic” desde Dodro acadaron o segundo e o terceiro posto, dotados de 300 e 150 euros, respectivamente.
No apartado de grupos de entre dous e oito compoñentes, “As arañas da Castañeda” de Oroso alzouse co primeiro premio de 300 euros, “Nave especial” de Curtis co segundo de 200 e “Fantasía oriental” chegados dende Santiago co terceiro, dotado de 120 euros.
Publicidade
Os disfraces individuais tamén se premiaron con 120 e 80 euros no apartado infantil e adulto. No primeiro resultou gañador o disfraz “Cleopatra” vestido por Sabela de dez anos desde Santiago de Compostela e o segundo premio foi para “Raíña do millo” de Rosalía de sete anos e de Arzúa.
No que respecta aos disfraces adultos, os premiados foron “O embaixador das catro R” de Vilagarcía de Arousa e “De corvos entre o millo” de O Pino que conseguiron o primeiro e segundo posto, respectivamente.
Un ano máis, o Concello incluíu no certame un premio especial o de “Simpatía” que ía dirixido a un grupo ou comparsa local que non resultara premiado nas categorías anteriores. A comparsa “As misteriosas criaturas da carballeira da Mota” da Asociación ARIAR de Arzúa fíxose con este galardón.
Publicidade
Achegáronse a Arzúa preto de 300 participantes tanto de Arzúa como de outros concellos que fixeron desfrutar a un Multiusos Terra do Queixo que completou a súa capacidade.
Dende o Departamento de Cultura amosáronse moi satisfeitos polo alto nivel de participación e pola calidade dos disfraces e agradecidos pola implicación de todos os concursantes, así como a asistencia do público e o labor do xurado. A programación do Entroido organizada polo Departamento de Cultura continúará a vindeira fin de semana con música e baile tradicional o sábado e co baile de disfraces na tarde do martes.
Commenti