Haberá tres premios que suman 220 euros en bonos para gastar na hostalaría da localidade así coma un lote de produtos típicos do concello
Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Obras, Servizos e Turismo de Arzúa convoca o concurso de fotografía Os meus recunchos preferidos de Arzúa no outono, tendo como base esta estación do ano e os distintos lugares que a xente pode descubrir neste municipio. Os participantes teñen de prazo ata o 30 de novembro para enviar as súas imaxes, a totalidade das cales se publicarán o 1 de decembro na páxina web do Facebook de Arzúa Turismo.
O público votará as imaxes a través de ME GUSTA ata o día 12 de decembro, e o día 14 daranse a coñecer os gañadores. Haberá tres premios. O primeiro constará dun bono valorado en 150 euros para desfrutar dunha noite con almorzo nun establecemento de hostalería en Arzúa: o segundo premio é un bono valorado en 70 euros para saborear un xantar ou unha cea nun restaurante en Arzúa e o terceiro consistirá nun lote de produtos típicos de Arzúa (queixos das Queixerías Barral, Galmesan e Verbas e Mel de Arzúa).
Todas aquelas persoas que desexen participar terán que enviar a súa foto ao email info@turismoarzua.gal e indicar un título e o seu nome e apelido (as bases do concurso están publicadas na páxina de Facebook de Arzúa Turismo).
Begoña Balado, Concelleira de Obras, Servizos e Turismo, sinala que “a través deste tipo de iniciativas, temos a oportunidade de que a xente que desexe visitarnos coñeza a nosa contorna e os recunchos tan marabillosos cos que contamos no noso concello”.
Commentaires