A oferta de emprego vai destinada a persoas desempregadas e en risco de exclusión laboral e forma parte Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de aprobar unha oferta de emprego temporal dentro do Programa de Integración Laboral que promove a Deputación da Coruña. En concreto trátase, segundo explicou o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, de 5 prazas de peón ou peoa para traballos de limpeza cunha xornada de 25 horas semanais durante un período de 4 meses e dunha praza de Auxiliar de Biblioteca tamén cunha xornada de 25 horas semanais durante 3 meses.
Carril informou tamén de que o prazo para presentar as instancias para concorrer ás prazas deberase facer como moi tarde o próximo venres, 7 de xullo a través da Sede Electrónica do Concello de Arzúa ou presencialmente ante o Rexistro do Concello de Arzúa.
Publicidade
Ademais, o alcalde dixo que “é unha convocatoria destinada a persoas desempregadas e en risco de exclusión laboral. Trátase de axudar á activación do emprego entre as persoas que actualmente se atopan nunha situación de desemprego, polo que este é, entre outros, un requisito necesario para acceder aos postos”.
Publicidade
O mandatario insta, por último, ás persoas interesadas a “informarse na páxina web do Concello ou nas propias dependencias municipais dos requisitos necesarios para acceder á convocatoria” ao tempo que animou ás veciñas e veciños que se atopan en situación de desemprego a “participar do proceso selectivo”.
Comments