O evento, que chega á súa décima edición, será no Multiusos Terra do Queixo, reunindo a afeccionados, profesionais e público interesado no fascinante mundo da astronomía
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa convértese esta fin de semana no epicentro da divulgación científica en Galicia coa celebración de AstroGalicia: A Festa Galega das Estrelas, unha cita única para descubrir os segredos do universo. O evento, que chega á súa décima edición, terá lugar os días 21 e 22 de decembro no Multiusos Terra do Queixo, reunindo a afeccionados, profesionais e público interesado no fascinante mundo da astronomía.
AstroGalicia é máis que un evento; é unha experiencia inmersiva onde se combinan o rigor científico e a paixón polo cosmos. Durante dous días, o público poderá participar en charlas, obradoiros prácticos, observacións nocturnas e actividades paralelas pensadas para todos os niveis de coñecemento. Desde a exploración de fenómenos extraordinarios como as auroras boreais ata obradoiros de iniciación á astrofotografía, a programación abrangue tanto actividades divulgativas abertas como sesións especializadas para inscritos.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca a importancia do evento para o municipio: “AstroGalicia sitúa a Arzúa no mapa da ciencia en Galiza. É un orgullo para o noso concello acoller un evento deste nivel, que achega o coñecemento e fomenta o interese pola astronomía en todas as idades. Quero agradecer a Miguel Sánchez e a Dositeo Veiga, así como á Concellería de Cultura, por facer isto posible.”
Pola súa parte, Miguel Sánchez, veciño de Arzúa e socio do club compostelán Astronomía Vega, engade que "ter AstroGalicia en Arzúa é unha honra. A nosa localización ofrece condicións excelentes para a observación do ceo, e as boas conexións facilitan a participación de persoas de toda Galiza. Este evento é un punto de encontro para compartir coñecementos e fortalecer a comunidade astronómica.”
Publicidade

O organizador principal, Dositeo Veiga, resalta o enfoque divulgativo. “AstroGalicia busca achegar a astronomía a todos os públicos. Este ano, exploraremos temas como as auroras boreais que se viron en Galiza e os últimos avances na investigación sobre a nosa galaxia. É unha oportunidade única para aprender e participar.”
Eventos destacados do programa
SÁBADO 21 DE DECEMBRO DE 2024
10:30 – Charla I: Construír un planeta a partir de refugallos estelares, con Isabel Rebollido. (Acceso libre)
11:45 – Charla II: Explorando o Universo máis extremo: unha viaxe aos raios gamma e ao CTAO, con Alba Fernández Barral. (Acceso libre)
13:15 – Seminario: Fotometría de estrelas variables desde o OAF, con Ana Ulla e Enrique Alonso. (Acceso só inscritos)
16:00 – Obradoiros prácticos: Iniciación á astronomía, radioastronomía, e astropaisaxe como introdución á astrofotografía. (Acceso só inscritos)
20:00 – Charla III: 2024: o ano das auroras boreais galegas, con Dositeo Veiga. (Acceso libre)
21:00 – Observación nocturna.
Publicidade
DOMINGO 22 DE DECEMBRO DE 2024
11:00 – Seminario: Chamamento urxente para recuperar o ceo, con Salvador Bará. (Acceso só inscritos)
12:00 – Charla IV: Soña ao grande. Construíndo futuro en AstroHita, con Leonor-Ana Hernández. (Acceso libre)
14:30 – Xantar oficial e peche do evento.
ACTIVIDADES PARALELAS
Exposicións interactivas sobre astronomía e astrofotografía.
Tenda de libros e materiais relacionados coa astronomía.
AstroGalicia inclúe actividades abertas ao público e outras que requiren inscrición previa.Para máis detalles e rexistro, visita: https://ceosgalegos.com/ag24/o-programa/.
"AstroGalicia: A Festa Galega das Estrelas ofrece unha oportunidade única para achegarse á astronomía e compartir o entusiasmo polo cosmos nunha contorna acolledora e accesible. Non perdas esta cita en Arzúa, onde as estrelas serán as grandes protagonistas".
Comentários