Estarán artistas internacionais como Valentin Clastrier (Francia) e Tobie Miller (Canadá) e outro nomes referenciais galegos como Xosé Luís Rivas “Mini” e Carlos Beceiro
Laura Moure/Arzúa
Esta fin de semana, do 15 ao 17 de novembro, Arzúa acollerá a vixésima edición do Festival Internacional Zona da Zanfona (ZdZ), un evento de referencia que, ao longo dos anos, contribuíu á preservación e difusión deste instrumento cunha programación diversificada que ofrece actividades para o público xeral e tamén para profesionais da música. O Concello de Arzúa reafirma como sede de este evento o seu compromiso coa divulgación do patrimonio material e inmaterial da Galiza.

A concelleira de Patrimonio, Lucía López, destaca a relevancia de converter Arzúa na nova sede deste importante festival. Segundo as súas palabras, “Arzúa celebra a ritmo da zanfona o seu patrimonio, coa chegada do ZdZ, un festival que pon en valor a importancia de recuperarmos e manter viva a nosa tradición. Grazas a este legado, hoxe podemos converter ao concello no epicentro dunha cita musical que xera unha gran expectativa internacional ”.
Publicidade
López tamén expresa o seu agradecemento á Deputación da Coruña polo seu apoio e patrocinio, engadindo: "Sen a colaboración da Deputación, non sería posible acoller un evento desta magnitude. Grazas á colaboración institucional, Arzúa pode ofrecer unha ampla programación de concertos, cursos de formación e actividades divulgativas, todas de balde, excepto as sesións especializadas. Estas accións permitirán que a veciñanza, visitantes e amantes da música tradicional poidan gozar dunha experiencia musical enriquecedora e comprometida coa historia.”

Comments