Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa programa o Día da Infancia con motivo da conmemoración do Día Internacional do Neno o 20 de novembro con espectáculos para escolares en horario lectivo. Trátase dun conxunto de espectáculos nos que se traballan diversos temas como a igualdade, o fomento do uso da lingua galega e a saúde mental.
Os nenos, nenas, mozos e mozas dos centros educativos de Arzúa poderán participar de balde nas actuacións que se celebrarán na Casa da Cultura a vindeira semana.

A primeira sesión será o luns, día 18, para o alumnado de Educación Infantil que poderá gozar dunha actuación musical a cargo do grupo Uxía Lambona e a Banda Molona co seu espectáculo Un soño é… no que compartirán soños e temas novos, pero tamén, como sempre, os seus temas clásicos, bailes, sorrisos e moitas ganas de pasalo en grande.
O martes día 19 será a quenda para o alumnado de 1º, 2º e 3º curso de Educación Primaria que participará no espectáculo As palabras perdidas de Inventi Teatro cunha proposta dinamizadora do uso da lingua galega entre a infancia e que promove o coñecemento da lingua e de palabras que van perdendo uso e falantes.
Outra proposta destinada aos escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria terá lugar o mércores 20. Será a quenda para Oviravai co espectáculo O violino de Luísa creado a partir da obra de Verónica Santalices con ilustracións de Lara Méndez da editorial Galaxia que parte da figura da poeta para narrar un conto no que A Coruña perde a música e a poesía e a protagonista vive unha aventura para recuperalas.
O xoves 21, os mozos e mozas da ESO asistirán a unha función de teatro da man de Empatía Teatro e a representación de Esas cousas marabillosas, unha peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente a que amamos.
Publicidade
E, por último, a Escola Infantil de Arzúa acollerá o venres 22 a actividade O son que me arrola, unha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis pequenos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, rimas e a instrumentación.
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, destaca a importancia deste programa que “asegura a participación de todas as nenas e nenos do municipio dando acceso así á cultura desde a infancia nunha iniciativa á que acudirán máis de 500 escolares”.
Comments