Arzúa conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil este venres
- Laura Moure
- 3 abr
- 2 Min. de lectura
Levaranse a cabo obradoiros en horario lectivo nas instalacións dos centros educativos de infantil e primaria deste municipio
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa conmemorará este venres, dentro da programación Primavera de cultura, o Día do Libro Infantil e Xuvenil que se conmemorou este mércores, 2 de abril. Con motivo desta data levarase a cabo un obradoiro en horario lectivo que terá lugar este venres, 4 de abril, nas instalacións dos centros educativos de infantil e primaria de Arzúa.
En cada un deles participará un grupo de trinta alumnos e alumnas de 3º e 4º curso de Educación Primaria. O obradoiro será de recortables e xoguetes de papel no que elaborarán Emakis xaponeses, coñecidos como os "rolos ilustrados", obxectos claves da produción literaria e artística do antigo Xapón. A primeira sesión terá lugar ás 9:30 horas no CEIP de Arzúa e, deseguido, unha segunda ás 12:00 horas no Colexio Nsa. Sra. do Rosario.

O encargado de impartir o obradoiro é Juan Francisco Juste, artista multidisciplinar especializado no kamishibai que literalmente significa "teatro de papel", que é unha forma de contar historias que se orixinou nos templos budistas de Xapón no século XII, onde os monxes utilizaban o emaki para contar historias.
Publicidade
Esta acción será apoiada cunha función do espectáculo O fantástico carro dos sonos a cargo de Juste cun carro típico de kamishibai na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro o mesmo venres ás 18:00 horas con entrada libre.
O concelleiro de cultura, José Luís García, salienta promover esta iniciativa “que serve para achegar a lectura e outras culturas do mundo coa posibilidade de facelo na nosa lingua a través da experimentación e participación activa das nenas e nenos grazas á colaboración dos centros educativos da vila”. Ao mesmo tempo quixo pedir “ás familias que se involucren e se acheguen ao espectáculo teatral que se fará pola tarde na biblioteca para que os menores poidan gozar dunha experiencia moito máis completa”.
Comentarios