top of page

Arzúa + Concilia volverá este verán para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións

O prazo de inscrición estará aberto do 4 ao 15 de maio, e as solicitudes poderán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Arzúa ou no Rexistro municipal


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa publica as bases do Servizo Municipal de Conciliación Arzúa + Concilia – Verán 2026, unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación familiar, laboral e persoal durante o período de vacacións escolares, ao tempo que ofrece ás crianzas un espazo de lecer, aprendizaxe, convivencia e desenvolvemento persoal.


O servizo desenvolverase no CEIP de Arzúa entre o 22 de xuño e o 4 de setembro de 2026, distribuído en 11 quendas semanais, e estará dirixido a nenas e nenos escolarizados nados entre 2014 e 2022, ambos inclusive.

As familias interesadas poderán consultar as bases completas e descargar os anexos na web municipal arzua.gal.

Un servizo municipal para acompañar ás familias durante o verán

Arzúa + Concilia responde ás necesidades das familias durante os períodos non lectivos, nos que remata a actividade escolar pero continúan as obrigas laborais, familiares e persoais de moitos fogares.


A concelleira de Igualdade, Lucía López, destaca que “os servizos municipais de conciliación son fundamentais para que as familias poidan organizar mellor o seu día a día, especialmente durante as vacacións escolares, cando moitas veces resulta difícil compatibilizar as obrigas laborais coas responsabilidades familiares e de coidado”.

López sinalou tamén que este servizo “non é só unha alternativa de lecer, senón un espazo seguro, educativo e de convivencia, no que as crianzas poden compartir, aprender, participar e desfrutar do verán nun ambiente coidado e acompañado”.


Un servizo adaptado ás necesidades das familias

O servizo contará cun horario ordinario de 10:00 a 14:00 horas, con posibilidade de entrada ampliada entre as 8:00 e as 10:00 horas e saída ampliada entre as 14:00 e as 15:00 horas.


As quendas distribuiranse semanalmente desde finais de xuño ata comezos de setembro, cun número de prazas adaptado a cada período. Para que cada quenda se desenvolva será necesario contar cun mínimo de 15 crianzas inscritas. O custo por quenda será de 10 euros máis IVE. Ademais, o servizo terá en conta criterios sociais, familiares e económicos para atender as distintas realidades dos fogares de Arzúa.


A conciliación como dereito

A concelleira de Igualdade, Lucía López, puxo en valor a importancia de contar con servizos municipais que axuden á conciliación, cando remata a actividade escolar pero continúan as obrigas laborais e familiares de moitos fogares.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

López explicou que “cando hai xa un ano puxemos en marcha este servizo municipal fixémolo porque desde a Concellería de Igualdade entendiamos que a conciliación non podía ser un luxo nin algo que cada familia tivese que resolver pola súa conta. Ten que haber unha resposta pública para apoiar unha cuestión tan básica como organizar a vida familiar e os coidados, especialmente nos períodos non lectivos”.


A concelleira engadiu que “cada familia ten unha realidade distinta, e os servizos públicos deben ser capaces de responder a esa diversidade. En Arzúa hai diferentes modelos de familia, distintas situacións económicas, fogares con persoas a cargo e necesidades de conciliación moi diversas. Por iso este servizo incorpora criterios sociais e de acceso, para chegar ao maior número de familias posible, sen excluír aquelas máis vulnerables, e responder mellor á realidade da veciñanza”.


López concluíu que “Arzúa + Concilia xa está consolidado como un servizo útil e demandado por moita veciñanza do concello, porque acompaña ás familias, facilita a organización diaria nos períodos non lectivos e ofrece ás crianzas un espazo seguro, educativo e coidado durante as vacacións escolares. Reforzar os servizos públicos no rural para que respondan ás necesidades da veciñanza e faciliten que as familias poidan vivir e asentarse en Arzúa: esa é a liña na que imos seguir traballando desde a Concellería de Igualdade”. 


Información e presentación de solicitudes

As familias interesadas poderán consultar as bases completas, os criterios de acceso e a documentación necesaria na web municipal arzua.gal, onde tamén estarán dispoñibles os anexos para a inscrición.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

As listaxes de solicitudes admitidas e excluídas, así como a listaxe definitiva de crianzas seleccionadas, publicaranse na web municipal e no taboleiro da Sede electrónica do Concello de Arzúa. A identificación farase mediante o número de rexistro de entrada da solicitude.


Antes do inicio do servizo celebrarase tamén unha reunión informativa coas familias, a empresa encargada da actividade e o persoal do CIM. A data e hora anunciaranse coa listaxe definitiva de crianzas seleccionadas.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page