Arzúa clausura a programación cultural de maio cun recital do cantautor e poeta vigués Pablo Vila
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa clausura hoxe, venres día 27, a programación cultural do mes de maio cun concerto a cargo do cantautor e poeta vigués Pablo Vila. Con este recital finaliza o programa Primavera de Cultura co que durante os meses de abril e maio achegáronse a todos os públicos un total de dez accións para fomentar a lectura e as letras galegas.

A Capela da Madanela acollerá hoxe ás 21:00 horas a presentación do segundo traballo discográfico de Pablo Vila, titulado Imprescindibles no que une dúas das súas paixóns, a guitarra e os poemas, musicando versos de Rosalía de Castro, Unamuno, Machado, Quevedo e Lorca, entre outros.
O acto tamén servirá para presentar as súas novelas Os fillos da memoria e A luz na néboa.
Pablo comeza a súa andadura musical moi mozo sendo integrante de varias bandas locais como guitarrista, baixista e cantante. Tras varios anos de aprendizaxe e crecemento, decide dar o salto en solitario. No 2018 lanza o seu primeiro álbum Noches Largas e un ano máis tarde o xa citado Imprescindibles ao que se lle suma Velas rotas no pasado 2021 producido en Madrid da man do coñecido Miguel Ángel Hernando “Lichis”. A concelleira de Cultura, Aurora Varela, anima á veciñanza a participar neste concerto “moi completo que mestura música e literatura na fermosa Capela da Madanela”. Ademais, amósase moi satisfeita polos resultados da programación Primavera de Cultura coa que “grazas principalmente aos centros educativos, cumpliu os obxectivos marcados por este departamento”.
Ao mesmo tampo, anuncia que nos vindeiros días darase a coñecer a programación de verán que virá cargada de propostas de xuño a setembro.