Arzúa celebra o Día do Libro con cine clásico e con reparto de agasallos para fomentar a lectura
- Laura Moure
- 22 abr
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo as propostas da programación Primavera de cultura que neste mes de abril céntrase especialmente no fomento da lectura para celebrar, entre outras conmemoracións, o Día do Libro que se festexa este mércores día 23.

Durante toda a xornada do mércores porase en marcha de novo a campaña de fomento da lectura Arzúa Conta na que durante toda a xornada entregarase un agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais participantes: Anagrama, Díaz e Os Picariños.
Esta mesma semana tamén se levará a cabo unha sesión de cine clásico coa proxección de Desayuno con diamantes na Casa de Correos este venres, día 25, ás 20:30 horas. Haberá presentación do filme a cargo dunha experta en cinema e degustación de doces variados. Será necesaria inscrición previa no teléfono 981 500 222 ou no correo cultura@concellodarzua.com dende hoxe, martes día 22. Cada persoa poderá reservar a un máximo 4 prazas, sendo as mesmas limitadas.
Publicidade
A cinta, do ano 1961, conta con Audrey Hepburn interpretando a Holly, unha bela moza neoiorquina que, aparentemente, leva unha vida fácil e alegre.e que ten un comportamento bastante extravagante como almorzar contemplando o escaparate da luxosa xoiería Tiffanys. O filme foi escollido por ser unha adaptación da novela do escritor estadounidense Truman Capote publicada pola editorial Random House no 1958.
Publicidade
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “a participar nestas accións pensadas para fomentar a lectura entre a veciñanza e para apoiar ás librarías locais que temos na vila”.
Commentaires