Arzúa celebra o 18 o Día do Orgullo LGBT cunha festa pola diversidade sexual no IES de Arzúa
O Concello, a través da Concellería de Igualdade, colabora coa iniciativa impulsada polo Departamento de Igualdade e Diversidade do instituto
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa colaborará este ano coa celebración do Día do Orgullo LGBT no IES de Arzúa, unha iniciativa impulsada polo Departamento de Igualdade e Diversidade do centro educativo. A actividade terá lugar o xoves 18 de xuño na entrada principal do instituto e estará dirixida a todo o alumnado.
Desde a Concellería de Igualdade, o Concello recolle e apoia esta proposta coa vontade de acompañar o traballo que se vén desenvolvendo desde o propio centro arredor da igualdade, da diversidade sexual e afectiva e da prevención de calquera forma de discriminación.

A xornada comezará ás 10:50 horas coa lectura dun manifesto a cargo de Xián Senín, exalumno do IES de Arzúa. Ás 11:00 horas será a quenda do concerto de MJ Pérez, recoñecida cantautora arzuá e tamén exalumna do centro.
Ao longo da mañá, o IES de Arzúa desenvolverá tamén diferentes actividades arredor da igualdade e da diversidade. O alumnado poderá participar nun sorteo de materiais vinculados á celebración do Orgullo LGBT, editados polo Concello para contribuír á concienciación sobre a importancia desta data.
Con esta colaboración, a Concellería de Igualdade quere apoiar unha iniciativa que leva a celebración do Orgullo ao espazo educativo e que permite achegar á mocidade unha mensaxe de respecto, liberdade e igualdade.
Lucía López: “Para o Concello é unha honra poder colaborar cunha iniciativa coma esta”
A concelleira de Igualdade, Lucía López, agradeceu ao Departamento de Igualdade e Diversidade do IES de Arzúa “a iniciativa, o traballo e o compromiso por impulsar actividades que axudan a facer do instituto un espazo máis respectuoso, diverso e seguro para o alumnado”.
PUBLICIDADE
López explicou que “para o Concello é unha honra poder colaborar cunha proposta coma esta, e non podemos ter máis que palabras de agradecemento cara ao profesorado do IES de Arzúa por impulsar iniciativas que axudan a avanzar na igualdade de dereitos para todas as persoas”.
A concelleira sinalou que “é fundamental abordar estas cuestións desde idades temperás, porque a educación é unha ferramenta clave para previr, identificar e corrixir situacións de discriminación, exclusión ou violencia cara ás persoas LGBT”. Para López, actividades como esta son importantes porque trasladan ao estudantado unha mensaxe clara: “ningunha persoa debe sentirse soa, excluída ou sinalada pola súa orientación sexual”. Nese sentido, subliñou que “ese é tamén o papel que debemos xogar desde os organismos públicos: acompañar, apoiar e contribuír a crear espazos seguros, respectuosos e libres de discriminación”.
PUBLICIDADE
Nesa mesma liña, sinalou que “pechar o curso cunha festa pola diversidade sexual é tamén unha forma de dicirlle á rapazada que todas as persoas teñen dereito a vivir con liberdade, cos seus dereitos respectados e nun espazo seguro e respectuoso”. “O Orgullo é celebración, pero tamén é acompañamento, educación e compromiso fronte á discriminación”, concluíu.
Lucía López afirmou que “desde a Concellería de Igualdade seguiremos apoiando e acompañando iniciativas que fagan de Arzúa un concello máis libre, máis diverso e máis comprometido coa igualdade”.









Comentarios