Arzúa avanza cara á igualdade cunha programación feminista polo 8M
- Laura Moure
- 1 mar
- 2 Min. de lectura
Inclúe un conxunto de actividades que buscan sensibilizar, formar e fomentar a reflexión sobre a igualdade de xénero e a loita contra as violencias machistas
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da súa Área de Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres (CIM), presenta a programación especial con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Un conxunto de actividades que buscan sensibilizar, formar e fomentar a reflexión sobre a igualdade de xénero e a loita contra as violencias machistas. A concelleira de Igualdade, Lucía López, subliña a importancia desta data como "unha oportunidade para reforzar o compromiso institucional coas políticas feministas e coa igualdade real e efectiva, promovendo accións que incidan na toma de conciencia e na implicación de toda a sociedade arzuá".
Un programa diverso para toda a comunidade
A programación arranca co Certame de Debuxo e Ilustración ‘Trazos pola Igualdade’, dirixido a crianzas e mocidade nadas entre os anos 2000 e 2018. O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 20 de marzo, e as bases poden consultarse na web municipal. Entre as accións máis destacadas atópase o stand da campaña ‘Agresión Off, eu digo non á violencia sexual’, que terá lugar no IES de Arzúa o 7 de marzo, dirixido ao alumnado do centro.

Tamén se desenvolverán actividades de formación e sensibilización, como o inicio do programa MIGRADAS, que busca apoiar ás mulleres migrantes (10 de marzo), e o obradoiro ‘Acoso na rúa’, dirixido a maiores de 16 anos (12 de marzo), ambos na Casa das Mulleres.
No eido cultural, destaca o contacontos teatralizado ‘8(M)ulier’ de Trémola Teatro (13 de marzo) para o alumnado de 1º da ESO, así como o faladoiro ‘Mulleres e queixo: tradición, innovación e retos de futuro’ (15 de marzo), dirixido a toda a veciñanza.
No ámbito técnico e institucional, o 21 de marzo celebrarase a Xornada Técnica de Coordinación contra as Violencias Machistas, onde se reunirán profesionais de diferentes sectores para mellorar os protocolos de actuación fronte á violencia de xénero.
A programación pecharase cun evento cultural de gran relevancia, o espectáculo teatral ‘Bravas’ de Isabel Risco, que terá lugar o 29 de marzo na Capela da Madanela.
Un chamamento á participación
Desde o Concello de Arzúa, Lucía López anima á cidadanía a implicarse activamente nestas actividades: "Fronte aos discursos de odio e as políticas que queren facernos retroceder como sociedade atacando os dereitos acadados polas mulleres. Desde o Concello de Arzúa queremos convidar a veciñanza a participar na programación que temos programada e a participar e implicarse na loita feminista ".
Toda a información sobre a programación do 8M pode consultarse na web municipal e nas redes sociais do Concello de Arzúa.
Commentaires