Comezarán a funcionar a finais da vindeira semana e permitirán aliviar o intenso tráfico que soporta, a diario, o cruce principal da vila e tamén se eliminaron dous pasos de peóns
Laura Moure/Arzúa
O incremento da seguridade no casco urbano de Arzúa será dende a vindeira semana unha realidade no municipio. O goberno municipal, Alternativa por Arzúa e PsdG-PSOE, vén de anunciar o fin dunhas actuacións que en consonancia co Ministerio de Transportes permitirán unha circulación máis fluída de vehículos e un tránsito máis seguro para todos os peóns.
O casco urbano de Arzúa, de xeito especial o cruce principal do mesmo, viña sufrindo dende hai tempo importantes problemas de retencións debido ao aumento de tráfico no
municipio; o incremento fíxose moito máis notable coa apertura do tramo da autovía A-54 que finaliza en Arzúa e que no futuro enlazará as cidades de Lugo e Santiago. Dende aquela o fluír de vehículos, de maneira notable camións e outros vehículos pesados, non só
ralentizaron a circulación senón que viñan provocando importantes retencións en cada unha das estradas que desembocan no cruce principal da vila.
Tratando de buscar unha solución que mitigara esta situación, o goberno local, en colaboración co Ministerio de Transportes, titular dunha das vías principais ( a estrada N- 547) traballaron nos últimos meses na procura dunha solución. Foi así como viu a luz unha actuación que se agarda sexa solución a unha vella demanda veciñal.
A primeira das medidas foi a eliminación de dous pasos de peóns no centro urbano, un deles próximo ao cruce principal e o outro ao carón da Rúa Alcalde Juan Vidal. Neste
último téñense rexistrado varios accidentes nos últimos anos. Ambos pasos foron sustituídos por un único paso de peóns central fronte á Praza de Galiza.
Neste novo paso, o cruce de peóns quedará regulado a través dun semáforo para facer así
máis seguro e cómodo o tránsito dos cidadáns nun dos núcleos de maior actividade da vila. Un segundo semáforo regulará o paso de peóns ubicado na mesma estrada fronte á Casa Consistorial, así se decidiu tras constatar que se trata dun dos pasos que presenta maior índice de perigosidade. Ambos semáforos comezarán a funcionar a finais da vindeira
semana.
Coa finalidade de velar, ante todo, pola seguridade dos veciños e veciñas de Arzúa tamén
se fará unha intervención noutros dous pasos de peóns ubicados ao longo da travesía principal, un deles o que está preto da Oficina Municipal de Turismo e outro na saída do
núcleo urbano en dirección Lugo. Neste caso procederase á colocación duns puntos
luminosos led que permitirá darlles maior visibilidade e disminuir a súa perigosidade.
O alcalde de Arzúa, José Luis García, salientaba esta mañá a importancia dunha actuación
“que, sen dúbida, está pensada para incrementar a seguridade dos veciños e veciñas de
Arzúa e de todas cantas persoas transitan pola vila”, recordando así mesmo que “a supresión dos dous pasos de peóns atende a criterios técnicos e ás cifras de siniestralidade rexistradas nos mesmos nos últimos anos, a súa reconversión nun único paso central está orientada ante todo ao reforzo da seguridade e tamén a facilitar o desatasco que asiduamente se vén producindo no cruce principal”.
Pola súa banda, a Concelleira de Obras, a socialista Begoña Balado, destacou a
importancia de que “os pasos de peóns sexan regulados mediante semáforos, xa que segundo criterios técnicos e despois de varias visitas a Arzúa de persoal da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia considérase esta a mellor opción non só para a
seguridade dos peóns senón tamén para que o tránsito de vehículos sexa máis fluído”.
Agradecemento
Begoña Balado quixo agradecer ao Ministerio de Transportes “o interese amosado polo ente estatal dende un primeiro momento por buscarlle unha solución a un problema que Arzúa viña padecendo dende hai tempo e que agora, agardamos, poida quedar solventado”. Lembrou, ademais, a concelleira socialista que nas vindeiras datas esta actuación verase complemetada cun amplo proxecto de acondicionamento e mellora que o Ministerio de Transportes ten previsto acometer na estrada N-547, entre os municipios de Melide e Arzúa, e no que se investirán 2 millóns de euros.
Commentaires