Arzúa asina con Naturgy a cesión dos terreos de Portodemouros para comezar coa súa recuperación
- Laura Moure

- 2 ago 2025
- 3 Min. de lectura
Este é un primeiro paso para recuperar un espazo, abandonado desde hai máis dunha década, que podería volver acoller actividades deportivas e de lecer grazas ao impulso do goberno local
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa vén de dar un paso decisivo na recuperación da área recreativa de Portodemouros. Despois de máis dunha década de abandono, o espazo poderá volver a ter uso público grazas á sinatura dun convenio de cesión coa empresa Naturgy, propietaria das instalacións. O acordo marca o inicio dun proceso de posta en valor que leva meses traballándose desde o goberno municipal.
A cesión supón a transferencia ao Concello da xestión dunha parcela así como das instalacións e demais elementos que se atopan na mesma, o que permite dotar de capacidade legal e operativa a institución local para poder iniciar os trámites para a recuperación da zona. Con isto, ponse fin a un longo período de inacción sobre un espazo que, durante as décadas de 1990 e 2000, foi un referente na organización de actividades náuticas, programas de ocio e tempo libre, chegando mesmo a contar cun albergue e outras infraestruturas de apoio. Co paso do tempo e a falta de mantemento, o recinto foi deteriorándose ata quedar completamente inoperativo.
“Quero darlle as grazas a Naturgy pola boa disposición que tiveron desde o primeiro momento. Non sempre é fácil chegar a acordos entre un concello e unha gran empresa, pero neste caso houbo vontade, diálogo e entendemento. E hoxe podemos dicir que todo ese camiño dá os seus froitos”.

Desde Naturgy, a directora de Xeración Hidráulica, Pilar Luque García, expresou a vontade da compañía de colaborar co desenvolvemento local nas zonas nas que opera. “Naturgy está plenamente comprometida co desenvolvemento da contorna na que operamos, procurando sempre que a explotación dos recursos hidroeléctricos sexa compatible co benestar da veciñanza”, sinalou.
A recuperación de Portodemouros non chega como un feito illado, senón como parte dun traballo estratéxico desenvolvido polo goberno municipal ao longo dos últimos meses. Un dos exemplos máis visibles foi a celebración, no pasado mes de xuño, dunha proba de natación, que facía parte do XXI Circuíto Galego Arzúa-Ulloa DOP de Augas Aberta, organizada pola Federación Galega de Natación coa colaboración do Concello. O evento congregou centos de persoas na contorna do encoro e supuxo un impacto económico notable durante toda a fin de semana. Para o executivo local, esta cita deportiva representa “o pico do iceberg” do que se podería conseguir cunha reactivación integral da zona como espazo vivo para a práctica deportiva, o turismo sustentable e o disfrute do patrimonio natural.
O recinto, situado na parroquia de Dombodán, ao carón da presa do encoro e a poucos metros do municipio pontevedrés de Vila de Cruces, fora xestionado durante os anos 90 pola extinta entidade ADER (Animación Deportiva no Espazo Rural), cun financiamento inicial procedente de fondos europeos. O cesamento da súa actividade e a falta de continuidade institucional derivaron na súa deterioración progresiva.
Publicidade
Agora, coa sinatura do convenio, ábrese unha nova etapa marcada por un proxecto de recuperación con vocación transformadora. O proxecto busca recuperar os terreos para o uso e desfrute da veciñanza, devolvendo á cidadanía un espazo que durante décadas permaneceu en desuso. Ao mesmo tempo, faise unha aposta estratéxica por desenvolver un modelo de turismo e lecer vinculado á economía circular, que aproveite os recursos naturais do encoro de Portodemouros de maneira responsable, potenciando usos recreativos, deportivos e culturais compatibles coa protección do medio.
“Quero aproveitar o simbolismo desta data para anunciar que, desde hoxe mesmo, o Concello volverá solicitar reunións coas demais administracións públicas. Queremos que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación da Coruña coñezan o noso proxecto e sumen esforzos para facelo posible. Levamos tempo traballando nisto, e agora abrimos unha nova fase que precisa da implicación de todas as institucións.Desde hoxe Portodemouros pode volver ser o que nunca debeu deixar de ser: un espazo vivo, útil e aberto para a xente de Arzúa. Un punto de encontro para toda a comarca. E, se mo permitides, tamén un lugar de referencia para toda Galiza. A sinatura deste convenio demostra que, cando se traballa conxuntamente e se pon o ben común no centro, pódense acadar acordos beneficiosos para toda a veciñanza.”
Publicidade
Con este paso, o Concello de Arzúa abre unha nova etapa de recuperación dun dos espazos máis emblemáticos do municipio, co obxectivo de poñer en valor a contorna de Portodemouros como lugar de encontro, lecer e impulso económico para a veciñanza. A actuación enmárcase nun modelo de desenvolvemento que aposta por revitalizar o territorio con criterios de sustentabilidade, aproveitando os recursos locais sen renunciar á súa protección.








Comentarios