top of page

Arzúa aproba un investimento de máis de 600.000 € para arranxos de pistas e outros servizos

"Sabemos que hai moitas deficiencias que se arrastan de anos anteriores nas pistas do Concello. Este investimento é un primeiro paso para ir poñendo solución a esta problemática”, sinala Carril


Ecos da Comarca/Arzúa

O Pleno do Concello de Arzúa celebrado na tarde do martes, 30 de xaneiro, aprobou un investimento de máis de 300.000 euros do POS provincial, que irán destinados  arranxos en diferentes pistas nas parroquias arzuás. Estas actuacións terán como obxectivo o reforzo do firme no viario que vai do Sixto a Salmonte, a mellora do viario da Igrexa de Burres, o reforzo do firme no viario da AC-240 a N-547 en Burres mellora do viario en Bosende, reforzo do firme nos lugares de Faraldo-APena, na parroquia da Castañeda e o reforzo do firme no viario de Santa María á Igrexa-San Salvador.  

Sobre estas actuacións o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, sinalou que “non colman as necesidades que sabemos que ten o noso Concello nesta materia, pois sabemos que hai moitas deficiencias nas pistas das parroquias que se arrastra de anos anteriores. O noso compromiso é ir amañando, coa axuda doutras administracións ou con fondos propios, a rede viaria do Concello. Este importante investimento é un primeiro paso para ir poñendo solución a esta problemática”.Este investimento foi aprobado cos votos favorábeis de BNG, AxA e PSOE, e contou coa abstención do PP.


Máis investimento en medidas sociais

O Concello de Arzúa aprobou tamén nesta sesión plenaria máis de 100.000 euros que destinará á ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e para o reforzo dos servizos de axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación para familias vulnerábeis. “O compromiso do goberno municipal co fomento de máis medidas de carácter social e que atendan ás persoas máis vulnerábeis é claro e así traballaremos para seguir ampliando máis e mellores servizos para a nosa veciñanza” explicou Carril. Este investimento foi aprobado cos votos favorábeis de BNG, AxA e PSOE, e contou coa abstención do PP.


Publicidade

Apertura do aparcadoiro soterrado do Multiusos Terra do Queixo

O Pleno do Concello de Arzúa deu luz verde, tamén, ao Regulamento de usos para poder proceder á apertura do aparcadoiro soterrado do Multiusos Terra do Queixo. “O primeiro chanzo para que Arzúa poida voltar a ter en uso esta necesaria infraestrutura”, sinala o alcalde.


Publicidade

A proposta aprobada contempla a apertura do aparcadoiro de 8:00 a 14:30 horas “o que axudará a desconxestionar a zona nas horas máis problemáticas do día” explicou Xoán Xesús Carril que, engadiu, “desde o goberno municipal xa estamos a traballar para que este horario se poida ampliar a futuro mais neste momento, cos recurso e medios dispoñíbeis, é o que o Concello pode asumir”.


“A situación actual do aparcadoiro non colma as aspiracións do goberno municipal que lidero, seguiremos traballando para dotar este espazo nos vindeiros meses cun sistema de acceso automatizado que permita poder ampliar o horario”, apunta o mandatario. Unha vez aprobado no Pleno o regulamento de usos debe ser exposto publicamente e “de non haber ningunha alegación, calculamos que no prazo máximo de mes e medio o aparcadoiro estea xa aberto e en pleno uso” concluíu o alcalde. Esta proposta contou co voto favorábel de todos os grupos agás o do PP.


Publicidade

Moción do BNG para reclamar á Xunta de Galiza máis de 350.000 €

O Pleno do Concello de Arzúa aprobou tamén unha moción presentada polo BNG para reclamar á Xunta de Galiza máis de 350.000 euros para colaborar co Concello no sufragamento do SAF e da Escola infantil de Arzúa. “Neste momento Xunta de Galiza e Goberno español estánse desentendendo destes servizos, sobrecargando a concellos que, como o de Arzúa, temos que facernos cargo co noso orzamento dunha parte moi importante do gasto que supoñen, cando nin sequera son competencias municipais pautadas por lei” explica Carril.


“Esixímoslle á Xunta de Galiza que cese este abandono e marxinación cara Arzúa, e que contribúa, dunha vez, a axudar a mellorar a calidade dos servizos que a nosa veciñanza precisa” conclue o alcalde nacionalista. 

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page