Arzúa anima a participar na manifestación do día 17 en Compostela baixo o lema “O galego, lingua vital”
- Laura Moure

- 15 may
- 2 min de lectura
A Casa de Correos acolleu unha charla do portavoz da plataforma social Queremos Galego, sobre as alternativas para reverter a emerxencia lingüística que atravesa o galego
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa anima a veciñanza a participar este domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación nacional convocada en Santiago de Compostela pola plataforma social Queremos Galego baixo o lema “O galego, lingua vital”. A mobilización partirá ás 12.00 horas da Alameda compostelá.
O chamamento realizouse no marco da charla “Alternativas para reverter a emerxencia lingüística”, celebrada este mércores na Casa de Correos de Arzúa, coa intervención de Marcos Maceira, actual voceiro de Queremos Galego. O acto foi aberto polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, e contou tamén coa asistencia do concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso.

Durante a charla abordáronse cuestións centrais sobre a situación sociolingüística actual do galego, nun contexto marcado por unha fonda preocupación social e institucional. Nos últimos anos produciuse un fito especialmente significativo: por primeira vez desde que existen rexistros, o galego deixou de ser a lingua máis empregada habitualmente pola poboación de Galiza, segundo os datos da Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística.
Na súa intervención, Maceira expuxo diferentes propostas para reverter esta realidade, defendendo a necesidade de combinar compromiso institucional, planificación pública e participación cidadá para garantir o futuro da lingua propia de Galiza. A charla puxo o acento na importancia de actuar desde múltiples ámbitos —educativo, social, cultural e administrativo— para recuperar espazos de uso e avanzar na plena normalización do galego.
PUBLICIDADE
O acto foi aberto polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, quen agradeceu a presenza da veciñanza e destacou “o interese e o compromiso amosados ante unha cuestión que afecta a moitas familias que queren vivir e desenvolverse na súa lingua propia e que, no contexto actual de emerxencia lingüística, non teñen plenamente garantidos todos os seus dereitos lingüísticos”.
Carril lembrou que en Arzúa o galego segue a ser a lingua na que se expresa unha parte maioritaria da veciñanza, “unha riqueza que cómpre valorar, coidar e transmitir”. Nese sentido, sinalou que a situación que vive o galego en Galiza “debe facernos reflexionar sobre a importancia de garantir que, como lingua propia do país, poida empregarse con plena normalidade en todos os espazos da vida e chegar con forza ás novas xeracións”.
O alcalde aproveitou tamén para convidar á participación na manifestación do 17 de maio en Compostela. “Somos moitas as galegas e galegos que sentimos un compromiso coa normalización da nosa lingua, que queremos que recupere prestixio social e que se avance na garantía dos nosos dereitos lingüísticos. E iso pasa tamén por encher Compostela este domingo”, sinalou.
PUBLICIDADE
O Concello de Arzúa enmarca este chamamento no seu compromiso coa promoción do galego como lingua propia de Galiza e patrimonio cultural do pobo galego, e anima a veciñanza a sumarse á mobilización convocada para este Día das Letras Galegas.








Comentarios