Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa exercerá de anfitrión do acto que, baixo o nome Cantar a nación, a Plataforma Social Vía Galega e a Federación Galiza Cultura organizan simultaneamente en diferentes puntos da xeografía galega con motivo do 116 aniversario da estrea do himno galego na Habana, no ano 1907. Con este motivo terá lugar en Arzúa mañá, 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Capela da Madanela un acto solemne no que a interpretación do himno galego correrá a cargo da Escola de Música e Baile tradicional O Bringuelo xunto coa Rondalla Moraima.
Publicidade
Tal e como expresou Lucía López Sobrado, concelleira de Normalización Lingüística e Patrimonio, “o fito histórico tan relevante que conmemoramos con esta efeméride non pode pasar desapercibido e debe ser coñecido e recoñecido pola sociedade galega, pola importancia que ten o himno galego. Un dos nosos símbolos nacionais, que nos identifica e nos une a todas as galegas e galegos” explicou.
Publicidade
“Convidamos ás e aos arzuáns a participar deste acto para coñecer un pouco máis da nosa historia propia, porque o himno galego é parte do noso patrimonio cultural e como tal debe ser coñecido e ficar libre das deturpacións ás que foi sometido. As galegas e galegos atesouramos un himno que chegou até os nosos días desde Eduardo Pondal e Pascual Veiga, dunha calidade e alto valor artístico que temos que coñecer e poñer en valor,” concluíu López Sobrado.
Publicidade
Comments