Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa inaugura este domingo, 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, a exposición Castro Curbín: Xogando na Idade do Ferro, na Antiga Casa de Correos (Rúa Dores, 3, Arzúa). Esta mostra enmárcase no proxecto de recuperación e posta en valor do Castro Curbín, un dos xacementos arqueolóxicos máis destacados do municipio, e reflicte o compromiso da administración local coa conservación do patrimonio histórico. A iniciativa, organizada en colaboración co CSIC, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) e a empresa Antiga Arqueoloxía e Patrimonio, presenta os resultados das campañas arqueolóxicas realizadas nos últimos anos.
A exposición destaca os principais achados arqueolóxicos do Castro Curbín, incluíndo un taboleiro cerámico e fichas de xogo da Idade do Ferro, que ofrecen unha valiosa perspectiva sobre as dinámicas sociais e culturais das persoas que habitaron este asentamento. A exposición incluirá pezas orixinais, paneis informativos e recreacións, deseñadas para divulgar a relevancia histórica e patrimonial do xacemento. A exposición foi coordinada por Samuel Nión Álvarez (INCIPIT-CSIC) e Verónica Silva Alvite (Antiga Arqueoloxía).

A importancia de Castro Curbín na Península
Os traballos de investigación en Castro Curbín foron dirixidos polo arqueólogo Samuel Nión Álvarez, un profesional con ampla experiencia no estudo e posta en valor de xacementos arqueolóxicos na Galiza. Samuel Nión liderou varias campañas de escavación no Castro Curbín en colaboración co equipo de investigación do Grupo Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela e co INCIPIT-CSIC, e é un referente no estudo da Idade do Ferro en Galicia.
“Os achados de Castro Curbín amosan un contexto excepcional, non só a nivel galego, senón peninsular ou europeo. Teredes a oportunidade de ver restos dun xogo de mesa de 2400 anos de antigüidade, un dos máis antigos coñecidos de toda Europa. Poderedes ver como se fixeron as pezas, como se utilizaron, que relación tiñan con outras facetas da sociedade e como se desenvolvía a vida no castro. Ademais, tamén poderedes apreciar como foron os traballos arqueolóxicos. Tanto Verónica coma eu estamos encantados de organizar esta exposición e devolverlle aos veciños e veciñas toda a confianza que depositaron en nós”, subliña Samuel Nión.
Publicidade
Pola súa parte, desde a concellería de Patrimonio, Lucía López, convida á veciñanza "a que asista este domingo á inauguración, xa que escoitar a Samuel Nión proporcionaralles unha perspectiva completamente nova de Castro Curbín. Esta exposición é un paso máis no noso compromiso coa conservación e divulgación do patrimonio histórico, que é clave para comprender a nosa identidade como pobo. Conservar o noso patrimonio material e inmaterial non só é preservar unha parte importante da nosa riqueza, senón tamén un legado que debemos protexer e transmitir ás futuras xeracións".
Comments