Arzúa alberga esta semana distintos espectáculos para o público infantil e familiar
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para esta semana varios espectáculos para público infantil e familiar dentro da programación de Nadal 2021-2022. As diferentes funcións terán lugar no Multiusos Terra do Queixo ás 18:00.
Hoxe, luns 27, actuará o Trío Detrés cun espectáculo musical e cómico titulado Máis ritmo. Temas propios, versións de cancións populares, divertidos arranxos para un programa repleto de situacións cheas de humor, de improvisación, de solucións disparatadas, pero sempre acompañadas pola mellor música. Unha nova produción con moito ritmo que fará gozar, bailar e rir ao público a cargo de Félix Rodríguez, Olivier Cano e Óscar Prieto.
Mañá, martes 28, representarase o espectáculo Contos para caghar patatillas de Brais das Hortas. Unha sesión de contacontos con música en directo, moito humor, efectos especiais, participación do público, baile, construción de instrumentos de refugallo e moitas sorpresas máis. Historias que saen dunha vella maleta escondida no faiado nunha noite de inverno.
E o mércores 29 será a quenda para a maxia a cargo de O mago Paco e a función titulada Hocus Pocus. Unha proposta de maxia infantil chea de risas, cores e de moitas ilusións. A súa maxia caracterízase pola posta en escena de elementos visuais e moi rechamantes que provocan unha dinámica constante encima do escenario. Deste xeito, ningún espectáculo é igual, todo depende da resposta do público, sobre todo dos máis pequenos, xa que é un espectáculo pensado por e para eles.
A axenda cultural desta semana pecharase o xoves 30 co terceiro e último concerto do ciclo de música para público adulto Nadal Sonoro que traerá á solista Su Garrido Pombo á Capela da Madanela para ofrecer un recital ás 21:00.
Todas as actuacións serán de acceso libre, aforo limitado e coa apertura de portas media hora antes do inicio.
