top of page
Perruquería Marisa.gif

Arzúa adxudica as obras de rehabilitación da ´Casa do Peregrino´ no lugar do Río Vello

O obxectivo desta actuación, por importe superior aos 70.000 euros, é volver a poñer o edificio en uso


Laura Moure/Arzúa

O goberno municipal do concello de Arzúa, conformado por Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE, levou á aprobación da Xunta de Goberno, celebrada o pasado venres, a adxudicación das obras de reparación e mantemento da coñecida como “Casa do Peregrino”, situada no lugar do Río Vello. A actuación foi adxudicada á empresa Groma Obras, S.L. por un importe de licitación que ascende a 70.645,20 euros e conta cun prazo de execución de seis meses.

A situación na que se atopa na actualidade a Casa do Peregrino de Arzúa.

Na actualidade, a coñecida como CASA DO PEREGRINO, situada no Río Vello, atópase sen uso algún presentando un estado de descoido importante, tras permanecer varios anos sen ser obxecto de mantemento e reparación algunha, tal e como indica o Concello. A construción segundo a ficha catastral data do ano 1.980, aínda que segundo as pescudas efectuadas a súa antigüidade é superior. Nalgún tempo esta construción albergou a escola municipal de música ata que anos despois foi desprazada para a Casa de Cultura, pasando esta a funcionar como albergue municipal. Debido ao seu mal estado deixa de funcionar como albergue, permanecendo pechado ata o día de hoxe.

Begoña Balado, concelleira de Obras, explicaba este luns que a pretensión do goberno municipal “é agora a súa recuperación, efectuando as obras de reparación e mantemento consideradas necesarias e imprescindibles para poñela en uso e evitar así que continúe o seu deterioro”.


O proxecto

As actuacións recollidas na Memoria Valorada REPARACIÓN E MANTEMENTO DA ANTIGA “CASA DO PEREGRINO” e cuxa adxudicación foi aprobada na Xunta de Goberno do pasado día 30 de setembro, corresponden fundamentalmente con obras de reparación e mantemento do inmoble para evitar o seu continuo deterioro.


Serán necesarias obras de reparación fundamentalmente a nivel de cubertas, carpinterías exteriores e interiores e acabados interiores (redistribución de aseos), facendo tamén as tarefas necesarias de limpeza e posterior pintado de fachadas. Nos traballos que se proxectan non se pretende modificar o volume existente, permanecendo tal e como está o

volume e os ocos de fachadas. Exteriormente preténdese executar traballos e saneamento e drenaxe e unha rampla de acceso co fin de que este local conte con accesibilidade.


Balado adianta que “estamos estudando o uso que se lle pode dar ao inmoble unha vez se rehabilite, definirase en función das necesidades que se observen”.

55 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page