Arzúa activa un novo operativo de recollida de plásticos agrícolas nas parroquias do municipio
- Laura Moure
- 6 jul
- 2 Min. de lectura
Terá lugar os días 14, 15 e 16 de xullo en diferentes parroquias
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa pon en marcha unha nova campaña de recollida de plásticos do sector agrogandeiro, que se realizará os días 14, 15 e 16 de xullo en diferentes parroquias do municipio. O servizo, de carácter gratuíto, está dirixido a persoas agricultoras e gandeiras, e ten como obxectivo facilitar unha correcta xestión dos residuos plásticos xerados nas súas actividades.

A área de Medioambiente insiste na importancia de depositar unicamente plásticos agrícolas limpos e baleiros, evitando o uso de big bags, mallas ou outros residuos non permitidos, xa que dificultan a recollida e incrementan os custes de tratamento.
Dani Moscoso, concelleiro de Medioambiente, subliña a necesidade dunha colaboración activa da veciñanza: “A viabilidade deste servizo municipal depende da nosa responsabilidade individual. Aínda que melloramos en moitas cuestións e cada vez topamos menos condutas indeseables, a realidade é que aínda se seguen a depositar moitos materiais incorrectos. Segue a empregarse o uso de big bags e doutros elementos que non están permitidos.”
Publicidade
Durante os tres días da campaña, o servizo irá percorrendo distintas parroquias segundo un calendario establecido previamente, que se dará a coñecer nos próximos días a través dos medios oficiais do Concello e mediante comunicación directa nas aldeas.
Publicidade
Desde o Concello faise un chamamento á colaboración de todas as persoas usuarias para garantir o éxito do operativo. "A reciclaxe responsable é unha ferramenta clave para protexer o medio ambiente, reducir custos e coidar do noso rural. Un rural limpo e sostible constrúese entre todas e todos."
Comments