Arzúa acollerá o 30 de xullo unha nova edición de Arzúa Viva
Incluirá xogos, actividades de lecer e actuacións dirixidas a público infantil e mozo
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa dá a coñecer o programa de actividades para unha nova edición de Arzúa Viva, incluída na programación cultural de verán. A Praza de Galiza acollerá o domingo 30 de xullo a 16ª edición con actividades de lecer e actuacións durante toda o día para público infantil e para a mocidade.

Durante toda a xornada contarase cunha sala de fuxida ou scape room en sesións sucesivas de 30 minutos nunha pequena carpa circense instalada para a ocasión na Praza de Galiza en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Esta actividade denominada O circo do silencio está pensada para catro xogadores en quendas de trinta minutos, que terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completaren a misión final. Esta iniciativa chega ao noso concello no marco do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística.
Publicidade
Ademais, a partir das catro da tarde darán comezo máis propostas lúdicas na praza da vila con inchables de salto adaptados a diferentes idades, unha atracción inchable chamada Tragabolas, un posto de lambetadas de balde e unha pista acuática deslizante de 10 metros de longo para a cal será preciso participar con roupa de baño.
A xornada rematará ás oito do serán cun espectáculo de circo a cargo da compañía Muu baixo o título Crunch!. Un espectáculo de novo circo, de clown, de malabares, de saltos mortais, de golpes e caídas coas que aprendemos e saímos adiante, e sobre todo de risas.
A participación en todas as actividades é totalmente de balde e o acceso libre. En caso de mal tempo, todas as actividades pasarán a celebrarse no Multiusos Terra do Queixo.
NOTICIA RELACIONADA:
Un scape room en galego dirixido á mocidade terá lugar o día 30 en Arzúa: https://www.ecosdacomarca.com/post/un-scape-room-en-galego-dirixido-%C3%A1-mocidade-visitar%C3%A1-10-concellos-entre-eles-arz%C3%BAa