top of page
Foto del escritorLaura Moure

Arzúa acolle a presentación da campaña para protexer ás peregrinas no Camiño de Santiago

Máis de 740 entidades da provincia da Coruña colaboran este ano



Laura Moure/Arzúa

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou esta semana en Arzúa unha nova edición da campaña “#NoCaminasSola: por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas”, que este ano conta coa colaboración de 746 organizacións da provincia, 140 máis que o ano pasado. A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden o roteiro xacobeo en solitario mediante a difusión, en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres.


A campaña está promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa, Estremadura e Castela e León, comunidades por onde discorre o Camiño de Santiago. “O ano pasado puxemos en marcha esta iniciativa por primeira vez e o certo é que a información que recibimos por parte das usuarias foi moi positiva, e por iso este 2022 queremos potenciar o seu alcance. Porque o máis importante é que as mulleres se sentan seguras e que gocen do Camiño”, asegurou Rivas.

O material informativo que inclúe a campaña distribuíuse o ano pasado en Galicia nos distintos roteiros do Camiño de Santiago, entre albergues, farmacias, comandancias e postos da Garda Civil, comisarías de Policía Nacional e dependencias da Policía Local. Este 2022 relánzase a campaña incluíndo como novidade a incorporación do Roteiro da Prata (na que participa a Comunidade Autónoma de Estremadura). Ademais, introdúcese o inglés con carteis e #tarxeta bilingües, co fin de chegar ao maior número de mulleres posibles, e amplíanse tamén os lugares de distribución, incorporando a centros de saúde e oficinas de turismo.


746 carteis e 14.920 tarxetas

En total, na provincia da Coruña, repartiranse 746 carteis e 14.920 tarxetas. Deste xeito, 144 albergues, 410 farmacias, 26 postos da Garda Civil, 5 comisarías da Policía Nacional, 30 da Policía Local, 82 centros de saúde e 49 oficinas de turismo dos concellos polos que discorre o Camiño, dispoñerán de diferentes recursos informativos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas.


“Precisamos a implicación de toda a sociedade para erradicar a violencia machista”, resaltou a subdelegada, que tamén destacou a importancia da colaboración de todas estas entidades na difusión dunha campaña que “axudará a ter a información clara sobre todos os recursos dispoñibles e, por suposto, a sensibilizar, previr e denunciar as violencias que poden sufrír as peregrinas, así como a mellorar a protección e seguridade dos nosos amantes Camiños”.

Na presentación da nova campaña, que tivo lugar ao pé do Camiño Francés, no albergue Don Quixote do concello de Arzúa, participaron tamén a tenente de alcalde de Arzúa, Begoña Balado; as concelleiras de Cultura e Facenda, Aurora Varela e Mari Carmen Torreiro; o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Coruña, Fernando Pedreira; o comisario provincial da Policía Nacional na Coruña, Fernando Martínez Marty; e a presidenta do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain, entre outros representantes de entidades que colaboran na campaña. Tal e como explicou Rivas, nos últimos anos ven observando un aumento significativo das mulleres no Camiño, que hoxe representan máis da metade das persoas que peregrinan. Por iso, e co obxectivo de reforzar o compromiso do Goberno de España na loita contra a violencia de xénero e pola igualdade, “consideramos que é importante dar forza un ano máis a una campaña específica que da a coñecer ás peregrinas todas as ferramentas que o Executivo pon á súa disposición para previr e denunciar calquera tipo de violencia”.


A subdelegada recalcou que as mulleres “deben ter o dereito e a liberdade de poder facer o Camiño de Santiago soas deséxandoo, non pode ser que o medo a que suceda algo lles impida facelo. A mensaxe desta campaña é xustamente que non camiñan soas, que non corren risco porque no momento no que perciban calquera perigo sempre terán a alguén ao seu lado”.


Seguridade nas rutas

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado deseñan cada ano un plan específico para a protección de todas as persoas que transitan polo Camiño de Santiago. O dispositivo correspondente ao ano Xacobeo 2022 inclúe o despregamento das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino (OMAPs), que se puxeron en funcionamento por primeira vez o ano pasado. Unha destas oficinas estivo tamén presente na presentación da campaña #NoCaminasSola. Ademais, a Garda Civil desenvolve a campaña de comunicación “Gardiáns do Camiño”, que inclúe a distribución de carteis con consellos de seguridade en varios idiomas e o fomento do uso da aplicación móbil Alertcops, que permite activar alertas en caso de emerxencia e traslada a localización por GPS dos dispositivos telefónicos nos que se instala, permitindo a localización das persoas usuarias en caso de necesidade. Tamén Policía Nacional reforza a súa presenza no roteiro xacobeo co proxecto Protexemos o Camiño: Ano Xubilar 2021-2022, para garantir a seguridade das persoas peregrinas e visitantes que percorren as diferentes etapas deste milenario roteiro.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page