top of page

Arzúa abre o seu Centro de Información ás Mulleres aos Concellos de Boimorto e Santiso co programa “Tecendo Redes”

Haberá varios obradoiros gratuítos, cuxas prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse


Laura Moure/Comarca de Arzúa

O Concello de Arzúa abre o seu Centro de Información ás Mulleres aos Concellos de Boimorto e Santiso co programa “Tecendo Redes”. A iniciativa, lanzada desde a Concellería de Igualdade de Arzúa e o CIM, pretende ampliar os servizos e axudar a promover a igualdade de xénero nos tres Concellos.

O pasado mes de marzo os concellos de Arzúa, Boimorto e Santiso formalizaron o Convenio de colaboración entre os tres municipios para a prestación dos Servizos do Centro de Información ás mulleres de Arzúa. Froito deste convenio, o CIM de Arzúa lanza agora o programa “Tecendo Redes”, dirixido ás mulleres dos tres concellos.


“Tecendo Redes” é un programa impulsado pola Concellería de Igualdade do Concello de Arzúa destinado a promover accións de empoderamento feminino para mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade. A través deste programa búscase que as mulleres participantes poidan atopar neses espazos experiencias vitais similares, favorecendo así mesmo a creación de redes de apoio e sostén.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis desta empresa.

“Tecer é un arte que procura a unión de diferentes elementos entrelazados. Cando diversos elementos se unen, prodúcense cambios e crean un tecido máis forte, un entramado máis diverso e resistente. Tecer redes entre mulleres significa crear sinerxias que abren camiño ao apoio, dan paso aos coidados mutuos e propios e empoderan individual e colectivamente. E esta colaboración entre concellos reforza a nosa capacidade para ofrecer servizos esenciais e apoia a creación dun entramado máis amplo  e resistente. Tecendo redes tamén desde os concellos para que ningunha muller, independentemente do tamaño da vila na que viva ou o seu lugar de nacemento, quede fóra dos programas que axudan a revertir as desigualdades sociais aos que nos enfrontamos polo feito de ser mulleres,” destaca a concelleira de Igualdade, Lucía López.



O programa organízanse en torno aos seguintes obradoiros:

  • “Xestión emocional” | Obradoiro para favorecer habilidades de xestión emocional; validación das emocións; dinámicas de autocoñecemento; técnicas para unha comunicación asertiva | Realizarase no Concello de Boimorto os mércores 12 e 19 de xuño de 10:00 a 13:00 horas.

  • “Autoestima e empoderamento” | Obradoiro para fomentar coñecementos que promovan a mellora da autoestima, toma de conciencia da importancia do noso autocoidado e benestar persoal | Realizarase no Concello de Santiso os xoves 20 e 27 de xuño de 10:00 a 13:00 horas.

  • “Sexualidade sen tabúes” e “Obradoiro de solo pelviano” | Obradoiros arredor da sexualidade para desmontar mitos, relacionarnos dende o bo trato e promover o autocoñecemento do corpo, que inclúe un achegamento teórico-práctico para coñecer e exercitar o solo pelviano | Realizarase no Concello de Arzúa os xoves 5, 12, 19 e 26 de setembro de 16:00 a 19:00 horas.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O programa “Tecendo redes” está cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. As prazas son limitadas e a inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no Centro de Información ás Mulleres de Arzúa ou nos servizos sociais dos Concellos de Boimorto e Santiaso. Para máis información poderase chamar ao teléfono 981 501 101.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page