Será seis e plasmarán a Vía da Prata dentro do proxecto Trasdeza Pinta o Camiño que desenvolve o Concello de Silleda como parte do programa O teu Xacobeo
O alumnado dos centros educativos participou de saídas dentro deste proxecto.
Laura Moure/Silleda
O vindeiro sábado 20 de marzo terá lugar a xornada de pintura en vivo no marco do proxecto Trasdeza Pinta o Camiño, que promove o Concello de Silleda, dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
Os artistas situaranse nos enclaves culturais e naturais da Vía da Prata que foron seleccionados polos escolares dos centros educativos silledenses, baixo diferentes criterios: importancia histórica, beleza paisaxística, calidade ambiental, estado de conservación...
Nesta xornada poderemos ver as creacións en vivo de Vanessa Barcala, Marisa Miguélez, Adrián Penido, David Bibián, Amalia López e Juan Liñares. Seis artistas silledenses con estilos e técnicas ben diferenciadas que recollerán baixo a súa óptica os recunchos máis bonitos do Camiño.
Andainas
Ese mesmo día, sábado 20, faranse catro andainas con grupos reducidos de catro persoas que irán acompañadas dun guía oficial de Galicia. Os tramos que se poderán facer son: Ponte Taboada- Silleda, Silleda- Bandeira, Bandeira – Dornelas e para os máis deportistas, Ponte Taboada- Dornelas que é o tramo completo que pasa polo concello con entorno a 19 quilómetros de distancia. A actividade, que precisa reserva previa, estará aberta ao público e será de balde. As reservas para participar pódense facer a través da cooperativa Amarelas no número de teléfono 655 645 804.
Ademais, o programa Trasdeza pinta o Camiño contempla a exposición das obras realizadas durante esta xornada e un foro de pintura que se celebrará en próximas datas.
Comments