Artio Nutrición do Pino, elexida para internacionalizar os seus produtos a través de “Galicia Avanza”
- Laura Moure
- 7 may
- 4 Min. de lectura
Trátase dun programa de aceleración da Xunta e Tecnópole para a internacionalización de pemes galegas innovadoras
Laura Moure/O Pino
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras
e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” vén de seleccionar 30 novas empresas para a
súa cuarta edición, entre elas unha do Pino. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022, froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Das empresas seleccionadas, 12 proceden da provincia de Pontevedra, 8 de Ourense, 6 da Coruña e 4 de Lugo.
Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2026, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Poderán beneficiarse de servizos como a protección internacional das súas marcas e deseños industriais, a realización de estudos e prospeccións de mercado, a confección de axendas internacionais ou calquera outro que se considere esencial para a súa aceleración internacional.

Unha empresa das comarcas
Entre estas empresas, figura Artio Nutrición (O Pino). É unha empresa dedicada á elaboración de bebidas isotónicas naturais a base de auga de mar dos afloramentos das Illas Cíes. Comercializa diferentes liñas, todas elas sen azucres nin aditivos, orientadas a consumidores saudables e deportistas. Aposta por internacionalizarse nos mercados do Golfo Pérsico, EEUU, Centroeuropa e Xapón, onde existe unha demanda crecente deste tipo de produtos.
Produtos innovadores no campo da alimentación, as bebidas e a cosmética natural
Unha das empresas elabora alimentos gourmet con ingredientes vexetais, reinterpretando pratos tradicionais como o cachopo ou a zorza en versións vexetais e empregando envases ecolóxicos. Outra céntrase na fabricación de aditivos para a industria alimentaria, especialmente para o sector pesqueiro. Tamén se seleccionou unha firma que importa e
comercializa café de especialidade seleccionado en orixe. Outra aposta pola saída ao
exterior da súa gama de queixos, elaborados con leite galego mediante procesos artesanais mellorados con tecnoloxía. Destaca así mesmo unha liña de galletas doces
gourmet, con versións veganas e envases de vidro reutilizable. Unha das pemes pretende
internacionalizar a súa empanada galega de masa de pan quebrada, feita artesanalmente
con ingredientes naturais e sen aditivos. E hai unha dedicada á venda online de peixes,
mariscos frescos e caviar premium galego.
Publicidade
No sector das bebidas, está como diciamos a firma do Pino, que elabora bebidas isotónicas naturais a base de auga de mar dos afloramentos das Illas Cíes, sen azucres nin aditivos. Tamén hai varias adegas: unha combina a elaboración de viños con experiencias enoturísticas arredor dunha cova tradicional rehabilitada, outra está especializada en vermut galego artesanal, e outra en viños tintos e brancos de finca.
No eido da cosmética natural, seleccionouse unha peme especializada na fabricación de aceite de camelia e na elaboración de produtos cosméticos como champús e cremas bio.
Ademais, destaca unha firma biotecnolóxica centrada na produción dun ingrediente activo de alto valor baseado en aceites vexetais ozonizados con aplicacións na industria farmacéutica, química e na cosmética natural.
As novas tecnoloxías e a intelixencia artificial
Unha das empresas que vai participar no programa usa as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial para axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen
esforzo, desenvolvendo diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Outra ofrece unha solución de realidade virtual dirixida á estimulación físico-cognitiva de
persoas con demencias ou trastornos neurocognitivos. Tamén hai unha firma centrada no desenvolvemento de software e transformación dixital, que busca internacionalizar o seu
servizo de migración de grandes volumes de datos á nube. Outra dedícase ao
desenvolvemento de software en cloud para empresas que venden os seus produtos en
máquinas expendedoras. Por outro lado, destaca unha plataforma baseada en IA para monitorizar e optimizar o rendemento das máquinas de café nos establecementos de
hostalería e restauración. E unha empresa proporciona solucións para automatizar
procesos empresariais.
Construción e sector industrial
No campo da construción, unha das firmas quere internacionalizar os seus sistemas de
ancoraxe para fachadas ventiladas. Hai unha peme especializada en sistemas de
subxección para varandas de vidro, destinados en particular para a costrución de gama
alta. E outra das empresas desenvolve, mediante tecnoloxía propia, equipos de protección
individual, tratando de reforzar a internacionalización da súa liña de sistemas anticaída e
solucións dixitais neste eido.
En relación ao sector industrial, seleccionouse unha empresa que deseña e fabrica muelles
metálicos e pezas de arame, con aplicacións en automoción, maquinaria industrial,
electrodomésticos, sector ferroviario e aeronáutico. Tamén hai unha firma especializada
no deseño, enxeñaría e fabricación de solucións técnicas personalizadas para a industria.
Unha gran diversidade de produtos e servizos “Galicia Avanza” acolle a empresas que ofrecen produtos e servizos tan diversos como unha marca de moda de luxo caracterizada por procesos sostibles e innovadores, ou outra que deseña vestidos para eventos e coleccións casual tamén de xeito sustentable. Unha marca está especializada en roupa e complementos infantís personalizados, cun enfoque sostible e artesanal.
Publicidade
Unha das pemes seleccionadas quere comercializar no mercado exterior os seus produtos
tecnolóxicos para o sector agropecuario e para os afeccionados á agricultura, desde forraxeiras automatizadas ata galiñeiros intelixentes. Tamén hai unha empresa que ofrece
servizos profesionais de tradución e interpretación e outra dedicada ao desenvolvemento
de produtos turísticos sostibles.
Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación mediante o seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.
Comments