Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Arrincan as obras de mellora dos accesos ao campo de fútbol de Melide

Os traballos contemplan a mellora da eficiencia e seguridade nas portas e accesos, así como cambios estéticos


Laura Moure/Melide

Os accesos ao campo de fútbol de Melide presentarán en breve un aspecto máis moderno e funcional. Este venres deron comezo as obras de mellora a esta instalación situada na estrada de Agolada. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o concelleiro de Deportes, José Antonio Prado, visitaron o lugar para supervisar o comezo dos traballos.


José Manuel Pérez valorou positivamente o comezo dunhas obras “moi necesarias”. Pola súa banda, José Prado puxo en valor que estes traballos supoñen “arranxar e mellorar os accesos a unha das instalacións deportivas máis utilizadas da nosa comarca”. O edil de Deportes sinalou tamén que “estas obra supoñen un exemplo máis do intensivo proceso de modernización e adecuación de instalacións que desenvolvemos durante este mandato. Cando chegue 2023 queremos que Melide conte con instalacións deportivas á medida das necesidades de todas as veciñas e veciños que practican e desfrutan do deporte”, asegurou.

As obras prevén o relevo do pórtico da entrada, onde se colocará unha porta metálica de tres follas, unha delas fixa e as outras dúas corredizas. Pola de maior dimensión situarase o acceso de vehículos, sendo a outra peonil. Ademais, cambiarase o tellado do cuarto de instalacións. Colocarase no lugar unha cubrición metálica que chegará sobre o acceso, de forma que se conte cunha área cuberta no exterior. Introduciranse elementos de seguridade no cuarto de instalacións, como luminaria de emerxencia e un extintor.


Os traballos inclúen a ordenación dos pavimentos. Con este obxectivo introducirase unha banda de formigón entre a escaleira e a costa, delimitando claramente a área peonil e ampliaranse e crearanse zonas axardinadas, eliminando a moqueta de herba artificial.

A intervención tamén servirá para crear unha senda asfaltada ata o vestiario e o terreo de xogo. Por último, incluirá unha serie de pequenas obras de ornamentación como limpezas, recebos ou pintados de elementos como as varandas das ramplas e escaleiras.


Os traballos prolongaranse durante catro meses. A obra conta cun orzamento de 40.559,33 euros. A empresa que realizará os traballos é López y Pedrouzo SL. Os fondos pertencen ao Plan Único da Deputación da Coruña de 2021.

114 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE