Arrinca o obradoiro de emprego de Melide, Santiso, Toques e Arzúa cunha vintena de alumnos
Laura Moure/Terra de Melide e Arzúa
O Obradoiro dual de Emprego Natureza no Camiño de Santiago deu comezo esta mañá coa apertura de curso coa presenza do alumnado, profesorado e os alcaldes dos concellos de Melide, Toques e Santiso, nos que se levará a cabo, ademais do de Arzúa. A actividade formará durante un ano a vinte persoas en repoboación forestal e tratamentos silvícolas.

Os rexedores transmitiron os seus mellores desexos para o alumnado ante esta oportunidade de capacitación profesional. O rexedor melidense, José Manuel Pérez, sinalou na súa intervención a importancia de “traballar conxuntamente entre os concellos próximos en garantir oportunidades de formación e de emprego para a veciñanza”. Destacou, así mesmo, a ligazón entre o contido do curso e a importancia económica do sector forestal nos municipios participantes.
Intervencións
Dentro do programa do curso levaranse a cabo varias actuacións en parcelas forestais de titularidade pública nos catro municipios. En Melide, intervirase na concentración parcelaria Maceda-Orois, así como no camiño da ruta da senda do Bocelo. Pola súa banda, en Arzúa efectuaranse labores de mantemento, de roza, limpeza e silvícolas na Mota, Beis-Oíns, Castro Curbín, Tronceda, Dombodán e Burres. En Santiso as actividades do curso desenvolveranse na zona náutica de Beigondo, nas fincas do Castro de Ribadulla, no campo da festa de Barazón e o campo de fútbol de Visantoña. Igualmente, haberá actuacións na área de Belmil; no muíño, fonte e lavadoiro de Novela; no campo da festa de Serantes e no camiño Fonte Santa. En terreos de Toques, o curso incluirá traballos nas contornas as capelas de San Cidre e San Antolín, a contorna de San Antolín e das fervenzas de Brañas, no Forno dos Mouros e o Castro da Graña. Do mesmo modo, nos roteiros da Fervenza, a Ermida, os Megalitos e o sendeiro do Bocelo.
O curso conta cunha subvención de medio millón de euros concedida pola Xunta de Galicia por medio da Xefatura Territorial da Coruña. Pagarase en dúas anualidades por valor de 176.395,45 euros (2022) e 327.591,55 euros (2023).