top of page

Arrancan en Silleda as obras das vías do rural con máis de 1,1 millóns de euros

Con cargo aos fondos do Plan Concellos das Deputación actuarase en Pazos, Martixe, Carboeiro, Manduas, Parada, Laro, Ponte, Moalde, Escuadro, Fiestras, Silleda-Siador e Graba


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de mellora integral de varias vías no rural, no que suporá "o maior investimento realizado ata o de agora no acondicionamento destas vías", tal e como recalca a administración local. A actuación, con cargo aos fondos do Plan Concellos da Deputación que lle corresponden ao Concello, suporá unha inxección de máis de 1 millón de euros, realizándose actuacións nun total de 17 tramos de distintos puntos do municipio, que suman uns 20 quilométros de lonxitude.


Despois da limpeza e preparación dos diferentes tramos, onte iniciáronse os traballos para a o aglomerado en quente, dando comezo pola pista do lugar da Devesa, dende o Centro de Saúde da Bandeira ata o enlace ca pista de San Brais.

Con esta actuación reformarase o vial da parroquia de Pazos dende a ponte do TAV ata o lugar de Quintás. Tamén en Martixe se mellorará todo o viario do núcleo de Martixe de Abaixo e en Manduas o lugar de Andamollo.


En Carboeiro realizarase o tramo dende Carboeiro de Francia ata o acceso ao mosteiro e na parroquia de Parada as obras de mellora viaria afectarán a dous tramos que discorren entre os lugares de Mediodaldea e Outeiro. Tamén en Ponte se renovarán outros dous tramos: o que vai dende Vilar ata Rosende e que une esta localidade ca parroquia de O

Castro, discorrindo paralelamente á AP-53.


En Moalde arraxaránse as pistas que dan acceso aos lugares de Meda e San Xosé, e en Escuadro realizaránse obras nunha das pistas de maior lonxitude: o acceso a Paredes dende a estrada nacional 640, con case 3 quilómetros de lonxitude. E na parroquia de Fiestras o proxecto inclúe o arranxo integral do vial do lugar de Barcia.


Trasfontao, Santa Mariña e Laro

Tamén en Silleda se levará a cabo a mellora do viario que da acceso a Trasfontao, dende a N-525 ata o lugar de Costoia, xa na parroquia de Siador, ata o entronque co vial autonómico PO-201.


Outra das actuacións que completa este ambicioso proxecto levarase a cabo na parroquia de Graba, mellorando o acceso ao lugar de Santa Mariña, dende a estrada provincial a Forcarei ata esta aldea, pasando polos núcleos de Outeiro, Penalta e Fontao.

Completa a dotación a parroquia de Laro co arranxo de dous tramos: o que vai dende Pelures a Forcas e dende este último lugar ata Sante. “É un investimento histórico na extensa rede viaria do noso rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, que lembra que “nunca se fixo un esforzo coma este na mellora integral das pistas do termo municipal, que entre este proxecto e o que vén de rematar hai varios meses, suporá a reforma de máis de 35 quilómetros na extensa rede viaria de Silleda”, engade.


Cuiña visitou onte os traballos de aglomerado na Devesa xunto co concelleiro de Obras, Antonio Ferro Losada. Os traballos foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos por un total de 1.123.199, 64 euros, IVE engadido.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page