top of page

Arrancan en Rodeiro as accións formativas de Conectadas que este ano chegan a todo Deza

O primeiro dos obradoiros, de pilates, comeza este luns en Camba e nel participarán 25 mulleres da asociación Virxe do Faro


Laura Moure/Deza

O programa Conectadas 2023 arranca este luns 24 de xullo para promover a participación e a formación de máis de 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia a través de diferentes accións. O tiro de saída será en Rodeiro, onde un total de 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Virxe do Faro comezarán un obradoiro de pilates que terá lugar no pavillón municipal da vila, os luns e mércores, en horario de 17:30 a 20:00 horas.

O obxectivo desta acción formativa é que as mulleres poidan centrarse no seu coidado e benestar, realizando exercicio físico baseado no método pilates para mellorar o estado do corpo e da mente. Aprenderán técnicas de respiración, exercitarán e traballarán a musculatura abdominal e o solo pelviano e o control postural. Para iso, realizarán táboas de exercicios e programas de adestramento ou exercicios de estiramento, entre outros. O curso permitirá ademais fomentar conductas sociointegradoras entre as participantes e sensibilizará sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.


Publicidade

Este ano participarán no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova). As entidades beneficiarias puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”.

No marco destes bloques, algunhas das actividades máis solicitadas foron as de pilates, risoterapia, ioga, alfabetización dixital I (do papel ao ordenador), ximnasia hipopresiva, artesanía en coiro, musicoterapia, pintura ou iniciación ao patchwork, entre outras. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre homes e mulleres e terán unha duración de 35 horas.

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page