Arrancan as obras de rehabilitación da N-547, unha vella demanda dos concellos de Arzúa e Melide
A subdelegada do goberno María Rivas desprazouse a Arzúa para supervisar o inicio da actuación e subliña “o compromiso claro e firme deste Goberno por recuperar o tempo perdido nas infraestruturas da provincia con decisións e investimentos históricos"
Laura Moure/Arzúa
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reivindicou este luns en Arzúa o esforzo investidor que está a realizar o Goberno de España na conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado na provincia con máis de 65 millóns de euros desde 2018. Lembrou esta cifra onte en Arzúa onde acudiu para supervisar o inicio das obras de rehabilitación na estrada N-547 ao seu paso polo municipio. Unhas obras que contan cun orzamento de 493.179 euros e que é unha vella demanda dos concellos de Arzúa e Melide.
A subdelegada fixo fincapé no compromiso “claro e firme deste Goberno por recuperar o tempo perdido nas infraestruturas da provincia con decisións e investimentos históricos”.

Por outra banda, María Rivas, expresou a súa satisfacción co inicio destas obras que “saldan unha débeda pendente desde hai anos con estes dous municipios tan importantes para a Galicia interior como son Arzúa e Melide”.
Neste sentido lembrou o importante impulso que o Goberno está a dar á Autovía A-54 que se atopa xa na “súa recta final” e que conectará Lugo e Santiago en 50 minutos de percorrido. María Rivas subliñou que grazas a esta autovía incrementarase de maneira importante a seguridade viaria, tanto rodada como peonil da N-547, onde actualmente hai un importante tránsito de peregrinos.
As obras de rehabilitación que comezaron onte son os tramos comprendidos entre os quilómetros 47,400 e o 49,480 (Travesía de Melide); e o km 62,240 e o 64,300 (Travesía de Arzúa) da N-547. Esta restauración do firme ademais da mellora tanto da superficie como da estrutura aumentará a seguridade viaria.
Características técnicas
No que incumbe á parte técnica das obras, estas contemplan dous tipos de actuacións en función do grao de deterioración actual do firme en cada unha das travesías. Por unha banda, unha actuación superficial, que inclúe o fresado e reposición da capa de rodaxe das zonas sen fallos estruturais do firme e unha rehabilitación estrutural completa da sección de firme, naquelas zonas que presenten peor estado de conservación, onde se fresará o pavimento.
Finalmente, completarase a actuación coa reposición de toda a sinalización horizontal afectada os traballos de rehabilitación. Esta actuación constitúe un impulso significativo para mellorar a calidade de servizo da infraestrutura viaria estatal existente.