A Deputación de Lugo leva a cabo esta actuación cun investimento de 425.000 euros
Laura Moure/Antas de Ulla
A Deputación de Lugo deu comezo ás obras de mellora e ampliación da estrada provincial LU-P-0301, no tramo que conecta a capitalidade de Antas de Ulla co futuro Parque Central de Galicia. Esta actuación, cun investimento de 425.000 euros e un prazo de execución de 6 meses, inclúe o ensanche e mellora integral da vía, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6. O obxectivo é preparar a estrada para soportar o alto volume de tráfico que se espera unha vez que o parque entre en funcionamento.
Este proxecto é parte da aposta da Deputación por poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla, tal como determinou o Instituto Xeográfico Nacional. Coas melloras na infraestrutura, busca garantir un acceso seguro e cómodo en ambas direccións tanto para os veciños como para os futuros visitantes do Parque Central de Galicia, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e turístico da comarca.
As obras atópanse actualmente na primeira fase, que consiste no movemento de terras. A continuación, realizarase a drenaxe necesaria mediante a colocación de tubaxes adecuadas e a limpeza de cunetas. Posteriormente, procederase á pavimentación con aglomerado en quente ao longo de todo o trazado, así como á sinalización da estrada con marcas reflexivas brancas e á renovación dos sinais verticais que non se atopen en bo estado de conservación.
Esta actuación é de gran relevancia para os veciños, xa que actualmente comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro. A súa importancia aumentará considerablemente, xa que se converterá na principal arteria de comunicación para acceder ao Parque Central de Galicia. Estas obras son fundamentais para completar este novo atractivo turístico, que se espera que sexa un revulsivo significativo para a promoción económica e social do concello de Antas de Ulla, da comarca da Ulloa e da provincia de Lugo.
Publicidade
O Parque Central de Galicia
A Deputación de Lugo impulsa a creación do Parque Central de Galicia para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma. A institución provincial xa habilitou a zona de aparcamento, na que investiu 250.000 euros, e tamén acometeu os traballos de acondicionamento e laboreo dos terreos nas parcelas que adquiriu para crear este gran espazo público. Así mesmo, ten adxudicado por un importe de máis de 1,3 millóns de euros o proxecto de construción do Parque, que inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, ademais de iluminación, sinalización e diferente mobiliario.
Comments