top of page

Arranca a investigación da propiedade dos núcleos rurais de Brandariz para incluílos na parcelaria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, comunicou este avance hoxe en Vila de Cruces, que permitirá engadir 336 hectáreas distribuídas nunhas 400 parcelas


Laura Moure/Vila de Cruces

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de iniciar os traballos de campo para a investigación da propiedade dos terreos dos núcleos rurais de Brandariz, no municipio de Vila de Cruces, para poder incluílos no proceso de concentración parcelaria –xa en marcha– desta parroquia, tal e como solicitou o Concello e aprobou a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo, informaron deste avance nunha reunión informativa celebrada esta mañá cos propietarios beneficiarios no teleclube de Brandomés.

Esta actuación permitirá engadir ao procedemento de reagrupación de terras un total de

336 hectáreas distribuídas nunhas 400 parcelas do núcleo rural e que teñen 177 propietarios. A mesma xa foi contratada polo executivo autonómico por un importe de

43.000 euros e consistirá nos traballos técnicos de modificación das bases definitivas desta concentración, pero precisa da participación dos propietarios, aos que hoxe se

informou dos pasos a realizar coa clasificación dos novos terreos incluídos ou a

tramitación da documentación, entre outras cuestións.


Rede de camiños

De xeito paralelo, e co obxectivo de outorgarlle a maior axilidade a este proceso, a

Consellería do Medio Rural está a acometer na actualidade a construción da rede de

camiños principais de Brandariz cun investimento de 1,3 millóns de euros e un prazo de

execución de 18 meses.


A trama de vías ten unha lonxitude de 27 quilómetros e está composta por 26 camiños,

dos que un afírmase en formigón, catro en triple rega asfáltica e os restantes en material

de canteira. Na actualidade, xa está realizada a apertura da maioría dos camiños e o grao

de execución rolda o 50%. Sen embargo, a solicitude de modificacións realizada polos

veciños, as melloras do trazado e os condicionantes da autorización da Dirección Xeral de

Patrimonio Cultural veñen de imponer a redacción dun proxecto modificado, que xa está

en marcha para poder proseguir coas obras.

Este proceso, no que a Xunta xa investíu máis de 1,7 millóns de euros, dará paso aos traballos de elaboración do acordo, segundo as previsións da Consellería do Medio Rural, a finais do vindeiro ano ou comezos de 2024 tan pronto como se remate a inclusión administrativa dos terreos do núcleo rural e coas obras da rede de camiños. Cómpre sinalar que esta concentración parcelaria ten aprobadas actualmente unhas bases definitivas que contemplan 986 hectáreas de terreo espalladas en 8.400 parcelas que pertencen a 575 propietarios. En caso de que se culmine con éxito, tal e como se agarda, a inclusión do núcleo rural, a superficie afectada alcanzaría as 1.322 hectáreas e 8.800 fincas.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page