top of page

Arqueixal: unha granxa familiar de Palas de Rei que aposta polo agroturismo

Comezou, tal e como sinala a Deputación de Lugo, hai máis de 30 anos e dedícase á produción de queixo, iogur e leite fresco ecolóxico


Laura Moure/A Ulloa

Os inicios de Arqueixal remóntanse ao ano 1990, coa posta en marcha das primeiras queixerías que actualmente integran a Denominación de Orixe Protexida do queixo Arzúa-Ulloa. Esta granxa familiar situada na parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, leva máis de 30 anos dedicándose á produción de queixo e promovendo un medio rural e agrario sostible desde un punto de vista ecolóxico, económico e social, tal e como informa a Deputación de Lugo. A plataforma Son de Lugo, impulsada por Medio Rural, apoia a comercialización de queixo Arzúa Ulloa con Arqueixal.


Xosé Luis Carreira, propietario de Arqueixal, defende os valores transversais da empresa, que se foron desenvolvendo ao longo de todos estes anos. “Naceu pola necesaria recuperación dun produto, o queixo, evolucionando cara á produción ecolóxica no ano 2000”, afirma. A día de hoxe realizan a produción non só de queixos, senón tamén de iogur e leite fresco ecolóxico, nunha granxa de 35 vacas. Todos os produtos que comercializan forman parte da DOP do queixo Arzúa-Ulloa e tamén do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. “O respecto ao medio ambiente é para nós un factor principal que aplicamos en todos os procesos”, explica Carreira en referencia á cría das vacas en pradairas sen pesticidas nin fertilizantes químicos, ou aos envases dos produtos en vidro, para un mellor mantemento das súas características e o necesario reciclaxe.

A decisión de Xosé Luis Carreira de apostar polo rural deu lugar á recuperación e reprodución dos saberes tradicionais respectando a natureza, así como ao desenvolvemento sostible e endóxeno e á produción artesanal. “Foi unha elección persoal que tomei hai moitos anos, nun momento distinto ao de agora no que se comezan a ver as cousas positivas deste medio; eu quería estar e desenvolver a miña forma de vivir no rural”.

Desde Arqueixal afirman que foi dun modo natural como pasaron da produción de queixo, iogur e leite á “concepción dunha experiencia holística que encarna o noso amor á terra, recuperando un conxunto de casas rurais antigas para acoller hóspedes e dar a coñecer o noso modo de vida”. Actualmente dispoñen de catro casas: A Palleira, A Caseta das Andoriñas, A Casa do Muiñeiro e O Pallar das Ameixeiras. Foron tamén respectuosos coa arquitectura orixinaria, mantendo o espazo preexistente e realizando as adaptacións necesarias pa o seu uso actual.

“Na rehabilitación dos edificios seguimos principios ecolóxicos e técnicas de bioconstrución, na liña dunha arquitectura responsable e consciente que respecta tamén as tipoloxías das casas rurais galegas”, subliñan. Empregaron para iso materiais como pedra, madeira, vidro, arxila ou cal, así como pinturas ecolóxicas e illantes de cortiza e fibras vexetais. “Agora temos catro casiñas independentes, autónomas, baseadas nun concepto de recuperación sostible na que as persoas poden vivir de primeira man unha experiencia completa, non só ao aloxarse aquí, senón tamén ao ter a posibilidade de facer a súa cesta con produtos propios, coidar a horta, muxir vacas, recoller os ovos das galiñas ou participar do proceso artesanal da elaboración dos nosos queixos”, comenta Carreira.

Tampouco deixan á marxe a inclusión das enerxías alternativas como o aproveitamento da enerxía solar, térmica e fotovoltaica, promovendo nesa liña un uso consciente de electrodomésticos de baixo consumo e o óptimo uso da auga empregada diariamente.


“Seguimos o ritmo das estacións e respectamos o ciclo da terra, promovendo un estilo de vida que é o fiel reflexo da necesidade de reencontrarnos coa natureza e con nós mesmos”. Unha declaración de intencións que define a visión e misión desta empresa presente na plataforma Son de Lugo impulsada por Medio Rural da Deputación de Lugo. En palabras de Carreira, “é unha iniciativa moi interesante para dar visibilidade e prestixio aos proxectos agroalimentarios que priman a calidade dos seus produtos e que precisan destas ferramentas que aglutinan distintas marcas e fomentan as sinerxias da calidade galega desde o rural”.


Un xeito de entender e traballar no rural, tal e como indica a Deputación, alonxado dos valores imperantes das urbes, que comunican referencia e invisibilizan todas as cuestións positivas do campo. Nese lugar se atopa Arqueixal, ofrecendo produtos de calidade e experiencias únicas desde o corazón da Galiza, na comarca da Ulloa.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page