top of page

Ariadna Fernández visita unha explotación de Dozón para abordar as problemáticas do sector primario

O BNG ten rexistrado unha batería de iniciativa para solucionalas


Ecos da Comarca/Dozón

Este venres o BNG visitou unha explotación gandeira do concello de Dozón para poñer en común as preocupacións que se viven arestora no sector primario, máis en particular no caso da gandería de gando vacún, tanto de carne coma de leite, que atravesa momentos de dificultade que poñen contra as cordas a supervivencia ao longo do tempo e a existencia do tan ansiado relevo xeracional. A deputada Ariadna Fernández desprazouse ata a parroquia do Sisto para reunirse con membros dun sector que aporta o 1,5 do PIB do país, acompañada de membros do BNG de Dozón e da comarca.

A localización escollida foi unha granxa familiar de produción leiteira, onde se puxeron en común as problemáticas polas que pasan os produtores e que se agravan no caso das explotacións de tamaño medio e pequeno, que son as que máis abondan nesta comarca.

A conversa coa titular da explotación centrouse na incerteza que sofren os vendedores de

leite en orixe en canto as fortes variacións prezos de mercado, que nos deixan, segundo a deputada nacionalista, “o rendemento económico máis baixo do estado español sen que haxa ningunha explicación razoable para ilo, xa que temos un produto de gran calidade tanto sanitaria coma hixiénica e que se vende varios céntimos máis barato por litro que no caso do resto do estado, implicando unhas perdas incalculables nos gandeiros do país e por suposto, nesta comarca eminentemente gandeira”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Así falaba do diferencial de prezos do leite galego con respecto a outras áreas do estado, que no pasado ano sufriu unha fonda crise da que o sector aínda non está recuperado e que non parece acabar de resolverse cunha “fonda inacción do goberno da Xunta e do

Estado Español, que mira para outro lado mentres pechan explotacións por centos en Galiza cada ano”.


Outra das temáticas abordadas foi a sanitaria, onde cobrou protagonismo a EHE, que tantas perdas trouxo no pasado 23 e 24, afectando a máis de 5.000 animais diagnosticados como positivos na cabana gandeira e deixando máis de 800 mortes. Neste senso fíxose unha análise por parte dos nacionalistas da liña de axudas, concluíndo a deputada e membro do grupo de Medio Rural do Parlamento “son indemnizacións pouco rigorosas e cunha nula transparencia nas que moitos gandeiros e gandeiras non recibirán a contía xusta por motivos alleos á explotación”. Non quedaron atrás temas coma a falla de superficie agraria útil ou os avances en canto ás reestruturacións das terras, da que sofren unha grave carestía e que encarece os custos de produción tanto no leite coma na carne galega debido a elevada dependencia de insumos ou a próxima suspensión da obrigatoriedade da vacina da lingua azul no noso territorio.


Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Dende o BNG téñense rexistrado unha batería de iniciativas ao respecto destas dúas liñas de traballo, sen esquecer outras moitas problemáticas que afectan ao sector agrogandeiro e que precisan dunha implicación clara por parte do goberno, ao que os nacionalistas lle piden “compromiso cos produtores e plans de futuro que non se centren en paliar os efectos das súas políticas para o Medio Rural no seu conxunto e que, como evidencian os datos non están a ter o efecto agardado”, polo que os animan a cambiar o rumbo e escoitar a quen pode contarlles o que ocorre en primeira persoa, coma son os labregos e labregas do país.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page