Aprobado o inicio da contratación das obras de mellora viaria en Toxa, Costela e Toiriz en Silleda
- Laura Moure
- 16 mar
- 2 Min. de lectura
A Xunta de Goberno Local vén de dar o visto bo a esta actuación, a primeira que se contratará ao abeiro do plan de melloras no rural con máis de 1,7 millóns de euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciará nos vindeiros días o proceso de contratación das obras de mellora viaria nos lugares de Toiriz, Toxa e Costela, lugar este último da parroquia de Margaride. Este será o primeiro dos proxectos do o plan de mellora integral de vías que se
materializará este ano con cargo ao préstamo por valor de 1.750.000 euros, - con cargo aos remanentes municipais- froito do acordo do grupo de goberno e o Bloque Nacionalista Galego que logrou o respaldo de toda a Corporación Municipal. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo este venres ao inicio do proceso de adxudicación, que se levará a cabo mediante procedemento aberto simplificado.

Unha vez se publique o anuncio de licitación no perfil do contratante na Plataforma de Contratación do Sector Público, abrirase un prazo de 20 días naturais para a presentación de ofertas. O prezo de licitación das actuacións ascende a 224.376,33 euros (IVE engadido).
Publicidade
Tal e como se avanzou no seu día, os proxectos que se levarán a cabo en varias parroquias, iranse presentando e licitando, mantendo tamén xuntanzas ca veciñanza para recoller as súas aportacións. A día de hoxe estanse tamén a preparar os proxectos de mellora correspondentes ás parroquias de Chapa, Rellas, Xestoso, Cira, Piñeiro, Ponte, Abades, Dornelas e Manduas, que se irán presentando nas vindeiras semanas.
Publicidade
En Toiriz arranxarase tanto o vial vertebrador, que conecta dúas vías provinciais como os accesos a todas as vivendas, nalgún caso en tramos de formigón, dadas as características e dimensións dos mesmos. Este primeiro proxecto inclúe tamén o núcleo silledense de Toxa e o lugar de Costela, na parroquia de Margaride.
“Con este acordo poderemos atender as necesidades prioritarias en varias parroquias”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Comments