A Xunta de Goberno Local vén de dar o visto bo á solicitude para a apertura dun establecemento hostaleiro na Avenida do Parque
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de outorgar unha nova axuda ao emprendemento a través do Plan Municipal de Creación de Emprego do Concello de Silleda. Na última sesión da Xunta de Goberno Local aprobouse unha nova subvención, a primeira deste exercicio, por
importe de 2.400 euros. A subvención outórgase a Beatriz Dopazo pola apertura dun
establecemento hostaleiro na avenida do Parque número 32.

A contía da axuda desglósase en 900 euros por alta no réxime de autónomos, 600 por apertura do local, e outros 900 euros pola contratación dunha traballadora. Dende que se puxo en marcha este programa de axudas no ano 2015 dende a Concellería de Emprego de Silleda son xa máis de 40 as persoas emprendedoras e entidades subvencionadas.
O departamento municipal de Emprego, que dirixe Pili Peón, elaborou para este ano bases que rexerán este ano a concesión destas axudas,e que foron publicadas o pasado 16 de abril no BOP de Pontevedra. Se ben as condicións son similiares ás de convocatorias anteriores (podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego e queiran emprender proxectos pola súa conta), as contías aumentan respecto a anos anteriores.
Así, a axuda por apertura de local comercial pasa de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros. Desta forma, modifícase o importe máximo da axuda, que pasa de 3.600 a 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal.
O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira.
Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración; a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I. Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.
“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva axudar á creación de emprego, algo que nos temos en que estamos é cada vez máis necesario”, indica Peón.As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal
(www.silleda.gal) ao igual que as bases. Ademais tamén se poden descargar os anexos para realizar as solicitudes.
Comments