Aprobada por unanimidade a proposta do goberno de pedir a recuperación das paradas de tren de Silleda
- ecosdacomarca

- 27 sept
- 2 Min. de lectura
Saíu adiante a moción do BNG para mellorar a sinalización cunha enmenda do PSOE para reiterar a inclusión do Mosteiro e a Fervenza no catálogo SISTHO de sinalización
Ecos da Comarca/Silleda
A Corporación Municipal de Silleda aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para solicitar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a recuperación das paradas de tren existentes nas localidades de Taboada, Abades e O Castro, actualmente en desuso.

A iniciativa busca mellorar a mobilidade da veciñanza e, de maneira especial, do estudantado que se despraza a diario a cidades como Santiago, A Coruña ou Ourense. Estas paradas, pertencentes á liña Zamora–A Coruña, contaban ata 2013 con servizos de Media Distancia operados por Renfe, e o seu uso suporía unha alternativa máis sostible e eficiente fronte ao transporte por estrada.
A proposta enmárcase no proxecto educativo Red Compás, no que participa o IES Pintor Colmeiro de Silleda, que promove a mobilidade sostible, o compromiso cidadán e o coñecemento do territorio. Dende todos os grupos políticos se felicitou a proposta do estudantado, polo seu espírito crítico e aportación á mobilidade sostible.
PUBLICIDADE
Na sesión, na que se aprobou tamén a Conta Xeral de 2024, tamén se ratificou a petición a Medio Rural da solicitude efectuada pola Alcaldía a Medio Rural (inicialmente en 2018 e en 2024, unha vez aprobado o PXOM) para incluir os núcleos da parroquia de Oleiros no proceso de reestructuración parcelaria; unha ratificación que se fai necesaria despois dunha sentenza xudicial sobre un proceso de parcelaria noutro concello galego na que se pon de manifesto que debe ser o Pleno da Corporación quen efectúe a solicitude.
PUBLICIDADE
Por outra banda, tamén se aprobou por unanimidade a moción do BNG sobre sinalización do territorio, con enmenda do grupo de goberno. Así, ademais da posta en marcha dun plan de sinalización, a proposta do grupo socialista acordouse reiterar a solicitude realizada no ano 2017 para incluir no catálogo de destinos do Sistema de Sinalización Turística Homologada das estradas do Estado (SISTHO) para posicionar na AP-53 o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Toxa, dado que estes dous enclaves xa contan ca sinalización pertinente noutras vías dende os dous cascos urbanos do municipio.
NOTICIA RELACIONADA:
Silleda solicitará a recuperación das paradas de tren existentes en Taboada, Abades e O Castro: https://www.ecosdacomarca.com/post/silleda-solicitar%C3%A1-a-recuperaci%C3%B3n-das-paradas-de-tren-existentes-en-taboada-abades-e-o-castro








Comentarios