Aprobada a declaración de impacto ambiental da terceira fase do polígono de Palas de Rei
- ecosdacomarca
- 8 nov 2024
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Xunta de Galicia aprobou a declaración de impacto ambiental para a terceira fase do polígono de Palas de Rei, o que supón un importante paso adiante para poder dotar ó municipio dunha superficie neta de 20.512,26 metros cadrados máis de solo industrial, tal e como informa o Concello.

Este novo espazo estará repartido entre un total de 17 parcelas, ademais dunha zona de equipamento de 1.503 metros cadrados; zonas verdes; rede viaria e zonas de aparcadoiro, ademais dos correspondentes servizos para o abastecemento, saneamento, telecomunicacións, electricidade e alumeamento público, sendo a superficie máxima a ocupar de 39.926 metros cadrados.
Na primeira fase desenvolven a súa actividade varias empresas que xa levan tempo asentadas neste parque empresarial, mentres que a segunda foi ocupada na súa integridade polas instalacións do grupo Jim Sports, onde está construíndo a ampliación das súas instalacións. Agora, con esta terceira fase, as empresas interesadas contarán con novas parcelas para implantarse pero ademais os veciños/as poderán contar cun novo e importante servizo, como a estación de ITV, que se levantará en terreos desta terceira fase.
Publicidade
O seguinte paso para que este informe de impacto ambiental sexa definitivo, xa que sobre el non cabe recurso, será a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Comments