top of page
Foto del escritorLaura Moure

Aprázase a festa do Galo de Curral de Vila de Cruces

O Concello baralla celebrala en setembro, pero será unha decisión tomada en conxunto cos criadores


Laura Moure/Vila de Cruces

Desde o ano 1993 pódese gozar da Festa do Galo de Curral en Vila de Cruces. É unha cita que ensalza este prato, co interese de promocionar un produto criado de maneira natural e en moito dos casos ao aire libre, por máis dunha vintena de produtores, e ademais, é unha festa gastronómica repleta de actividades culturais e musicais que logra multiplicar por tres os seus habitantes, como asegura o Concello. Pero por segundo ano consecutivo non se poderá celebrar en maio porque o equipo de goberno decidiu aprazala debidi á pandemia.


"O segredo deste galo de curral radica na súa alimentación, xa que se cría unicamente con cereais, como millo, trigo e cebada, sen aplicar á súa alimentación ningún tipo de aditivos", recalca. Esta festa tivo que ser cancelada o ano pasado debido á Covid-19 rompendo unha tradición anual e que sería a XXVII da súa edición. "Pois despois dun ano continuamos loitando contra a pandemia, cunha excepción, que xa se están levando acabo a vacinación de toda a poboación, o que segundo as autoridades sanitarias, logrará inmunizarnos e poder volver á normalidade". Con este motivo o responsable de Cultura e tenente de alcalde, Julio López, cre que este ano 2021 si se poderá gozar novamente da afamada festa do Galo de Curral, pero por agora non pode ser, apunta, xa que se se continuase a tradición a festa tería que celebrarse a finais do mes de maio, "algo que se antolla imposible, porque aínda que hoxe Vila de Cruces pode dicir que ten cero casos de Covid-19, algúns dos seus concellos veciños están a crecer en contaxios, o que seguro nos limitaría á hora de poder promover estes produtos á máxima afluencia de visitantes".


Ante isto o grupo de goberno decidiu aprazala, que non suspendela, por seguridade e responsabilidade, á vez que tamén se pretende que o evento poida realizarse máis adiante ao estar avanzado a vacinación e se relaxen as restricións. Julio López pensa que a data ideal sería no mes de setembro, pero quere acordala, cos seus protagonistas, que son os criadores, e xuntos chegar a un acordo para a súa celebración "que sexa beneficiosa para todos e todas".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page