top of page
Foto del escritorLaura Moure

Aposta en Lalín pola recuperación das variedades autóctonas de trigo para fomentar o pan galego de calidade

Este martes celebrouse nesta localidade unha mesa redonda enmarcada no programa de actividades con motivo do Día do Pan


Laura Moure/Lalín

O director da Axencia Galega da Calidade, José Luis Cabarcos, acompañado por Marcial Grela, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, e polo agrónomo e membro desta IXP Fernando Almeida, participou esta mañá nunha mesa redonda enmarcada no programa de actividades con motivo do Día do Pan, organizadas pola Asociación Provincial de Industriais de Panadería e Pastelaría de Pontevedra na localidade de Lalín.


Na súa intervención, o director da Axencia puxo en valor o potencial de Pan Galego como

selo de calidade, unha distinción que, a través da súa Indicación Xeográfica Protexida,

destaca as especiais características dun produto que é dos máis consumidos diariamente pola poboación.

José Luis Cabarcos tamén resaltou o traballo que se está a facer desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) pola recuperación das variedades de trigo

autóctono, das que se está a aumentar a produción e rendemento para empregalas na

produción de pan galego cun cereal colleitado na nosa comunidade. Sobre esta cuestión,

engadiu que isto beneficia ao sector agrario galego, xa que se están incrementando a

superficie produtiva e o número de produtores ligado ao trigo.


O director da Axencia tamén aproveitou para poñer de relevo que o selo da IXP Pan

Galego, cada vez máis presente en distribuidoras de alimentación que apostan por este produto con distintivo de calidade, axuda a loitar contra o fraude do pan que se vende como galego cando non o é.


Publicidade

Promoción do Pan Galego

A IXP Pan Galego ten claro o seu futuro e nesa liña, o director da Axencia destacou a

campaña de promoción que se vai levar a cabo no sector da restauración para dala a coñecer entre os consumidores, co fin de que degusten un pan amparado por un selo de calidade e ao mesmo tempo descubran a importancia desta IXP para a súa protección.


Neste sentido, traballarase de forma conxunta co consello regulador desta IXP para incentivar a que novos operadores se inscriban neste selo. Seguirase tamén a liña marcada pola Consellería ata o de agora, promocionando a IXP Pan Galego entre os

consumidores, co fin de potenciar este sector dende a súa primeira fase de produción -o cultivo de trigo autóctono- ata a súa comercialización.



0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page