top of page

Apertura de 16 oficinas en Galicia, entre elas en Lalín e Melide, para atender aos afectadas polos incendios

Laura Moure/Lalín/Melide

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou onte no acto de finalización da primeira fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, unha actuación que supuxo un investimento de preto de 3,8 millóns de euros: “Hai que dar servizos e facer a vida un pouco máis sinxela. E este tipo de obras, esta estrada, sen dúbida o fai”, sinalou Rueda.


No marco da súa intervención, Rueda anunciou a posta en marcha de 16 oficinas en toda Galicia para prestar atención directa ás persoas afectadas polos incendios forestais. Estes espazos ofrecerán asesoramento aos veciños e entidades que o precisen da man de técnicos da Xunta para axilizar a tramitación das axudas e para ofrecer a información precisa sobre a situación actual: “Rapidez en sacalas e rapidez en concedelas, e que a xente teña os cartos que necesita canto antes”, remarcou o presidente.

Dez desas oficinas estarán na provincia de Ourense (Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e en Vilamartín de Valdeorras, esta última nunha oficina agraria móbil), dúas nas localidades coruñesas de Melide e Ponteceso, outra en Quiroga (Lugo) e tamén en Lalín e O Porriño (Pontevedra). 


O presidente lembrou que a comarca do Courel xa fora zona cero dos lumes en 2022, cando a Xunta activou medidas transversais de apoio aos afectados que contribuíron á recuperación da contorna, e asegurou que ese mesmo efecto derivará das axudas que se aprobarán este venres no Consello da Xunta extraordinario que se celebrará en Ourense: “Fomos eficaces e agora temos que facer o mesmo. Facemos todo o necesario para que a partir do sábado xa se poidan pedir as axudas e as poidamos pagar canto antes”, salientou o presidente.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Rueda fixo un novo chamamento contra os incendiarios, subliñando que só no mes de agosto houbo en Galicia 12 detidos e 12 investigados. Reiterou a colaboración plena da Xunta coas forzas da seguridade e co sistema xudicial para levar aos responsables fronte á xustiza, incluíndo o labor da unidade de investigación de incendios forestais (UIFO) da Consellería de Medio Rural.


No referido ás melloras na estrada, o titular da Xunta destacou a finalización da primeira fase da intervención da LU-651, que xa está en servizo a falta de pequenos remates, e que permitiu ampliar a plataforma da estrada, rectificar curvas perigosas e dotar a vía de novas cunetas, entre outras actuacións. Enmarcou esta intervención na aposta da Xunta por garantir a mellora e a seguridade das infraestruturas viarias, que este ano dispón dun orzamento de 265 millóns de euros: ”Voume coa sensación de que cumprimos os deberes e de que aínda queda moito por facer”, apuntou Rueda.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Avanzou, tamén, que xa se traballa na seguinte fase do proxecto de mellora da LU-651. Ademais xa está redactado o proxecto de trazado para a construción dun aparcadoiro no inicio da travesía de Seoane do Courel. Por outra parte, a Xunta conta xa cun proxecto aprobado a restitución do tramo afundido polo colapso dunha mina, prevéndose licitar a finais de 2025 ou comezos de 2026 cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.


O presidente concluíu sinalando que cada investimento no rural é tamén un investimento no futuro de Galicia, e insistiu na importancia de garantir que todos os galegos conten coas mesmas oportunidades e coas mellores conexións posibles, vivan onde vivan: “Isto é unha aposta por que toda a xente que quere vivir no rural poida facelo con todas as comodidades que lle poidamos dar. Esta é unha boa mostra, e é só o principio”, rematou Rueda.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page